25/04/09

Amadeu Casellas en folga de fame indefinida desde o 20 de abril

.

Amadeu Casellas Ramón en folga de fame indefinida desde o 20 de abril.

Amadeu Casellas Ramón comezou hoxe día 20 de abril unha nova folga de fame para esixir a súa liberdade. Hai que lembrar que o pasado 5 de setembro Amadeu Casellas daba por rematada unha extenuante folga de fame que mantivo durante 76 longos días e que puso en grave risco a súa vida. Esta decisión non foi un regalo, nin a Serveis Penitenciaris, responsábel da institución presidiaria en Catalunya nin a todos aqueles que quixeron ver morto antes que libre a este infatigábel loitador. Máis ben ao contrario, Amadeu tivo que expoñer a súa vida para arrebatar uns mínimos acordos que tiñan como obxectivo garantir a súa pronta liberdade. Lamentabelmente estes acordos non deron o resultado agardado e o noso compañeiro continúa encarcerado, os compromisos adquiridos foron papel molado e os seus dereitos á vida e a liberdad seguen sendo pisoteados.

Por todo elo, Amadeu adiantaba a súa drástica decisión a través dun comunicado. Nel Amadeu animaba a iniciar de novo a loita constante e firme pola súa liberdade.

A súa loita é a loita contra as cadeas perpetuas encubertas que se veñen aplicando no estado español, é a loita pola súa vida, a súa liberdade e a de moitos outros compañeiros que permanecen encarcerados a perpetuidade pola aplicación dunhas leis planificadas para o exterminio das persoas, especialmente as que disienten ou non se resignan ao papel de reo.

Máis Información e comunicados:

http://www.llibertatamadeu.blogspot.com/
.

20/04/09

Charla: Impacto socioeconómico dos parques eólicos no medio rural galego

.

Charla:
"IMPACTO SOCIOECONÓMICO DOS PARQUES EÓLICOS NO MEDIO RURAL GALEGO

Damián Copena, Grupo de Investigación de Economía Ecolóxica e Agroecoloxía Univ. De Vigo.

VENRES 24 de Abril ás 20:00h.
No Centro Social “A Cova dos Ratos” r/Romil,3 Vigo

Organizan: Asociación Caleidoskopio e Grupo de Axitación Social


Artículo do G.A.S. sobre enerxía eólica:

http://grupodeaxitacionsocial.blogspot.com/2009/01/reflexins-sobre-enerxa-elica-en-galiza.html


.

15/04/09

A Xunta endurece os requisitos das prestacións sociais ante o aumento de solicitudes pola crise



Hai unhas semanas podiamos ler na prensa o seguinte:


“A Risga a solicitaron 2.668 familias en 2008 –un 21% máis que en 2007–, mentres que a prestación de emerxencia a demandaron 3.301 –un 10% máis que o pasado ano–.

Presentáronse case 6.000 solicitudes de axuda, a Xunta resolveu 5.641 e decidiu conceder a prestación económica a 3.884 demandantes, o 68,85 do total, correspondendo 1.712 á Risga e 2.172 á axuda por unha situación de emerxencia.

Estas axudas supuxeron ás arcas autonómicas un desembolso de 19 millóns de euros.”

Antes de falar destas axudas queremos explicar a que nos referimos cando falamos destas axudas:

–Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) “é unha prestación social de carácter periódico destinada a garantir recursos económicos de subsistencia a quen careza deles, mediante un proxecto personalizado de inserción constituído por un conxunto de accións tendentes á mellora da integración persoal, familiar, social e, se é o caso, laboral da persoa beneficiaria”.

–Axuda de Emerxencia Social (AES) son “axudas económicas de pagamento único, destinadas a paliar situacións de emerxencia que orixinen gastos extraordinarios para cubrir necesidades específicas de carácter básico e urxente. Para os efectos desta norma considéranse situacións de emerxencia social aquelas que orixinen gastos extraordinarios para cubrir necesidades específicas de carácter básico e urxente non cubertas polos diferentes sistemas de protección”.

Tendo máis ou menos claros estes conceptos volvemos á nova publicada polos xornais. Dende a Xunta confirman o aumento de solicitudes nos últimos meses de RISGA e AES; os motivos do aumento e que moitas persoas ao quedar sen traballo, perder o paro, con débedas, etc. acoden aos servizos sociais na procura de respostas aos seus problemas económicos. Ante esta situación, segundo informan os funcionarios da Xunta, a resposta da administración está a consistir no endurecemento dos requisitos de solicitude destas axudas, baixo o discurso do esgotamento dos orzamentos. Do mesmo xeito sabemos que dende a Xunta fixeron chegar ás traballadoras sociais do concello de Vigo unha circular na que se especifican aqueles casos nos que, ata novo aviso, as axudas serán denegadas.

A todo isto hai que engadir outros problemas que se viñan arrastrando: atrasos de máis de catro meses nas resolucións das RISGAs e AES, contías insuficientes que non chegan a cubrir as necesidades básicas, numerosos atrancos no proceso de solicitude, control das vidas dos empobrecidos, etc.

Estas son as respostas que nos dan para resolver a crise, mentres estamos fartos de escoitar os millóns de euros que recibirán bancos e grandes empresas, mentres Vigo convertese nun gran buraco onde caerán os cartos para “humanizar” a cidade (5 millóns de euros para cambiar beirarrúas en Coia os mesmos cartos que ten de orzamento anual o departamento de Benestar Social do Concello de Vigo), mentres centos de persoas viven nas rúas da cidade ante a ausencia dun albergue público, etc.

Fronte a esta conxuntura seguimos a defender unha vida máis humana baseada na xustiza e na igualdade, na que as nosas necesidades básicas non dependan da vontade deste sistema; e dentro desta lóxica estamos a prol da implantación da Renda Básica das Iguais (RBis). Enténdoa como o dereito de todos e todas a percibir unha contía periódica (unha parte en man e outra en gasto colectivo) que cubra as nosas necesidades básicas.

O modelo de RBis que defendemos ten as seguintes características:

- Ser unha renda individual (non familiar)
- Ser universal (non contributiva e para todos)
- Ser incondicional (independente do nivel de ingresos e do mercado de traballo)
- Ser unha contía suficiente que ha de chegar alúmenos ao limiar da pobreza.


Servizo de Información de Dereitos Sociais de Coia, Asociación Caleidoskopio e Grupo Axitación Social

http://www.comunidadebasecoia.org/content/view/14/28/
http://www.sindominio.net/caleidoskopio/
http://grupodeaxitacionsocial.blogspot.com/