border="0"

18.3.11

Por un ferrocarril ecolóxico, público e social [16|12|04]



Convocamos para o vindeiro xoves 16 ás 20:00 dende a estación ferroviaria na cidade de Vigo por un ferrocarril de tod@s e para tod@s... ¡non a lei do sector ferroviario!

POR UN FERROCARRIL DE TOD@S E PARA TOD@S


O abandono sistemático do ferrocarril tivo consecuencias para a cidadanía, a quen se lles privou dun número cada vez maior de servizos. O tren corre o perigo de deixar de ser un servizo público accesíbel para todos e todas, e se converter nun negocio que sirva a uns poucos pero que pagaremos todos e todas.

O aprazamento para o 1 de xaneiro de 2005 da entrada en vigor da Lei do Sector Ferroviario, aprobada polo PP empregando o rodete da súa maioría absoluta, non cumpría os compromisos do PSOE cando estes estaban na oposición coa pretensión de enmenda-la Lei na súa totalidade e pedindo no Congreso e no Senado a retirada da Lei. Agora no poder, o PSOE aproba a Lei tal cal.

A Lei presenta a segregación de infraestrucutura e transporte coa ruptura dos sistemas integrados de seguridade, a privatización do servizo ferroviario e o cerre de liñas sen ter en consideración a rendabilidade social.

O ferrocarril debe garanti-la seguridade por riba de calquera outro criterio, para o que é imprescindíbel mante-lo concepto de empresa integrada, con emprego estábel e adecuados niveis de investimento.

As organizacións sociais e cidadás manifestan contundentemente o rexeitamento a unha política de transporte insostíbel, guiada por intereses económicos particulares e contraria aos intereses da sociedade.

A cidadanía, ao mesmo tempo usuaria e propietaria do ferrocarril, debe participar activa e directamente nas decisións que afectan ao ferrocarril.

Esixímo-la potenciación do ferrocarril e o fomento da súa utilización, polas súas vantaxes ambientais, económicas e sociais.

Rexeitámo-la construción de novas liñas exclusivas para alta velocidade ( polo seu impacto ambiental negativo, polo elitismo deste servizo,...)

Reclamámo-la apertura dun debate transparente e rigoroso sobre o futuro do ferrocarril.

Instamos a que se implante a accesibilidade universal en tódolos servizos, trens e estacións (a eliminación de barreiras arquitectónicas que dificultan o acceso das persoas discapacitadas, de barreiras económicas co abaratamento do abono,...)

Demandamos que se favoreza o emprego combinado de tren e bicicleta como alternativa ao automóbil.

Esixímo-lo mantemento do ferrocarril como servizo público e a inmediata derogación da Lei do Sector Ferroviario.

As organizacións que subscribimos o presente manifesto chamamos a participar na manifestación en defensa do Ferrocarril sostíbel e seguro, público, ecolóxico e social, que terá lugar en Vigo, o 16 de decembro de 2004 e sairá da Estación ferroviaria ás 20:00 do serán.

Convocan: ADEGA, Ateneo libertario Vigo, Caleidoskopio, CGT, GAS,Verboxido e Luita Verde