border="0"

15.3.11

Contra a guerra e a ocupación de Iraq [Ano 2004]

O día 20 de marzo cúmprese un ano desde o día en que non fomos quen de para-la guerra de Iraq; pouco hai que celebrar.

Durante este ano non ocorreu nada que modificase a nosa postura sobre esta guerra en particular, e a guerra (con maiúsculas) en xeral. Seguimos pensando que a guerra é o resultado do sistema económico, político e social do capitalismo baixo o que vivimos, e que soamente a destrucción deste último pode acabar coa guerra. As actuais institucións non só non son unha garantía contra barbarie, senón que a promocionan e encobren. E que en realidade só hai dous bandos, o dos criminais e o das víctimas, quen se enríquece coa guerra e quen a sofre, e nose último grupo é onde estamos nós.

O capitalismo e a paz non son compatibles. De feito, a guerra de Iraq, a próxima, a anterior, somente son os aspectos máis espectaculares da guerra global ten declarada á humanidade, ó planeta, á vida. E se o sistema ataca en tódolos lados (en Iraq, pero tamén na fábrica; en Palestina, pero tamén no barrio; con bombardeos "intelixentes", pero tamén rebaixando a calidade da sanidade pública ou eliminando o dereito a folga...), en tódolos lados haberá que responderlle. A loita contra a guerra debe ser unha loita pola xustiza social, pola liberdade, pola solidariedade internacional e pola sociedade sen clases.

Non temos tempo para participar en procesións de bos sentimentos. O militarismo é unha ameaza real á humanidade e require accións reais e concretas da sociedade que se lle opoñan.

Nós plantexamos:

- a obxección fiscal cara a supresión total dos gastos militares, encubertos ou declarados.

- o boicot a tódalas empresas ou particulares que colaboren co exército.

- a deserción masiva e inmediata de tódolos soldados, especialmente os que defenden ó Estado español.

- a loita social, horizontal e autónoma, colectiva ou individual, contra o presente estado de cousas.

Amosamos a nosa solidariedade con todas aquelas persoas que por unha ou outra razón, mobilízanse contra a guerra e o militarismo, e sobre todo cos que son represaliados polos distintos gobernos por esta causa. Non queremos deixar igualmente de amosar a nosa solidariedade cos familiares e coñecidos das víctimas da guerra, tanto as de Madrid como as de Bagdad ou en calquera outro sitio.

Por último, expresamos o noso rexeitamento absoluto a construcción do muro de seguridade en Palestina, así como á política fascista do Estado de Israel.

Desobedece ós exercitos.
Nin un home nin unha muller, nin un euro para a guerra.

Espazo Aberto Antimilitar