border="0"

20.3.11

1º de Maio Polo reparto da riqueza e os dereitos sociais para todos/as [05|05]

Na situación actual, na que o sistema tenta destruír sistematicamente os dereitos sociais, e a todo e a todas as que sexan un atranco para a acumulación de capital, é fundamental deixar clara a necesidade dun modelo de sociedade moi diferente, onde as necesidades humanas, ecolóxicas e sociais se antepoñan ás económicas.

Sufrimos unha mercantilización de tódolos aspectos da vida, unha precarización da nosa realidade.

Teñen a nosa vida toda posta a traballar para o seu beneficio. A cidade converteuse nunha grande fábrica onde estamos atrapados polo consumo. O espazo público privatízase, especúlase co solo e todas nos vemos obrigadas a formar parte dunha grande empresa de servizos e espectáculos para turistas e investidores (Volvo Ocean Race?).

No campo laboral temos a precariedade máis interiorizada ca nunca. A única solución que dan ao paro é o emprego lixo (principal causa dos accidentes laborais) e, ante os novos recortes que caen sobre nós, apenas respondemos (e pronto teremos unha nova reforma laboral!). Os poderes antes que buscar solucións, prefiren xestiona-la desigualdade: Homes, nacionais, traballadores, fixos antes ca mulleres, estranxeiras, paradas ou precarias.

Para garanti-lo máximo beneficio empresarial empregan: a chantaxe permanente do despido case libre, a imposición da flexibilidade e produtividade (no nivel de esixencia, tratan as persoas como máquinas), a apropiación pola empresa da experiencia e inventiva da traballadora, a imposición dos contratos por horas, salarios máis baixos ca no resto do estado...
Pero para as empresas todo son facilidades, nunca lles foi tan doado aproveitar subvencións e
exencións fiscais e, aínda así, as deslocalizacións a lugares onde aínda é máis fácil obter beneficios están a orde do día, xa que nada llo impide e, a súa tan cacarexada “función social,” consiste tan só en amasar cartos e nada máis.

A natureza, vese tamén subordinada ao beneficio
económico coas escusas de manter empregos, das necesidades cada vez maiores de enerxía, ou da “necesidade” de grandes infraestructuras de transporte. Nada pode para-lo progreso, nin sequera a obviedade de que a propia “riqueza” natural é limitada e non se vai poder rexenerar.

A exclusión e a pobreza aumentan sen parar e, o peor, é que é algo que este modelo de desenvolvemento inhumano e autodestrutivo precisa para funcionar.
A violencia propia deste sistema socio-económico produce cada vez máis desigualdades e non se buscan solucións alegando falta de cartos, mentres aumentan os beneficios do capital apoiado con fortes investimentos públicos (solo industrial case regalado, macro-infraestruturas de transporte: Aeroporto, AVE, 2º Cinto, Ronda, Via Rápida do Morrazo, e recheos e máis recheos).
Pola contra, a día de hoxe, non hai un albergue público en Vigo, a renda de inserción social ou as axudas de emerxencia social non só teñen unha contía insuficiente e moi afastada do salario mínimo, senón que poñen un mar de trabas para concedelas.

Para comprender as raices da desigualdade non hai mais que ver os datos económicos de Vigo, é a zona de Galiza onde máis negocio se xenera e máis se aporta ao Producto Interior Bruto, pero o poder adquisitivo das viguesas é dos máis baixos do estado, o máis baixo entre as cidades maiores de 200.000 habit. ou capital de provincia, ademais ten a taxa de paro e os prezos máis caros de Galiza.

É fundamental que se recoñezan e redefinan os Dereitos Sociais de forma ampla (sen que iso supoña un estado máis forte que os xestione), os dereitos laborais, os das excluídas, os das migrantes, os das minorías, os das presas, os ecolóxicos, e moito máis:

Reparto do traballo e a riqueza que xenera, cambios na regulación laboral, un novo Estatuto das traballadoras que realmente nos protexa, a erradicación das E.T.T.,...

Peche das producións socialmente innecesarias, que danan ou destrúen o entorno e as persoas e recolocación das traballadoras. Non tódolos traballos valen, nin tódalas condicións tampouco.

Defensa do público para garanti-las necesidades básicas, sanidade, educación...

Transportes públicos gratuítos, e apoio especialmente ao ferrocarril convencional polos seus beneficios sociais e ambientais fronte a outros medios de transporte.

Dereito real de toda persoa a acceder a unha vivenda digna, xa que é unha necesidade básica de primeira orde. As administracións en lugar de garantir este dereito, aprovéitanse para obter grandes beneficios e permiten a especulación por parte de promotores, construtoras e inmobiliarias.

Do prezo sobrevalorado e a nosa imposibilidade de pagar aprovéitanse os bancos,(o endebedamento das familias chega xa ao 90% dos ingresos). En Vigo hai 28.000 vivendas baleiras, o seu prezo creceu un 17%, o dobre que en Galiza, e os alugueres un 70% en dez anos. Boa parte da grande cantidade de cartos que xenera e atrae Vigo, van parar á especulación coa construción e a vivenda.

Por isto, a solución non é seguir promovendo máis construción, senón forzar e primar aos propietarios a ofertar vivendas con alugueres sociais (15% dos ingresos) e poder obter de verdadeiras vivendas públicas, que se arrenden aos cidadáns sen que deixen de pertencernos a todas.

Non aos cárceres nin ás políticas represivas.

Fomento e apoio das iniciativas de atención e prevención. Hai 56.000 persoas nas cadeas, nada raro, xa que a única vía que se admite para formar parte da sociedade actual é o consumo e oito de cada dez mozos/as están en situación precaria e a maioría das migrantes sofren todo todo tipo de trabas para a súa integración.

Concienciación sobre a insustentabilidade do planeta e a necesidade de frear a lóxica do crecemento continuo. Substitución das enerxías non renovabeis por renovabeis, partindo da necesidade de reducir o gasto enerxético e non como macro-negocio das multinacionais.

Apoio e desenvolvemento en materia medioambiental, e promoción da redución do consumo, a reciclaxe e a reutilización.

Fomento das cooperativas de consumo e substitución do actual sistema de producción de alimentos orientado ao beneficio das multinacionais agroalimentarias. Promoción da producción ecolóxica, local e socialmente xusta.

Eliminación do patriarcado, que é un dos pilares do sistema capitalista.

Liberdade de circulación das persoas, peche dos centros de internamento das persoas migrantes e retirada da lei de estranxeiría que viola os dereitos humanos

Renda Básica forte, para que tódalas persoas poidan vivir dignamete e coma vía real para o reparto da riqueza (que a propia sociedade xenera).

A RB forte é o dereito de toda persoa a percibir uns ingresos periódicos cunha contía igual ou superior ao umbral da pobreza, sen que sexa obrigatorio ser unha traballadora potencial e sen contrapartidas.

É, polo tanto, un dereito individual, universal e incondicional (non ten en conta outros ingresos). Refunde nun só concepto case tódalas prestacións sociais do sistema actual.

Asociación Caleidoskopio e Grupo Axitación Social