Dende o chamado “inicio da crise” estamos sometidas a un ataque
continuo en forma de recorte de prestacións e dereitos que nos están
retrotraendo a unha situación de precariedade e explotación que foran
superadas xa, en certa medida, por anteriores xeracións. O “estado de
shock” reinante, provocado no noso entorno pola “crise”, permite que
este proceso de ataque e derrubamento se estea a levar a cabo a gran
velocidade e sen maior oposición.
A batería de “medidas de
axuste” que se están a implantar non son medidas improvisadas de
urxencia para afrontar unha situación inesperada.Todas elas están na
axenda do poder dende hai moito tempo. A privatización daqueles
servizos rendibles e desmantelamento dos que non o son é un dos
principios constituíntes da Unión Europea, así como o abaratamento da
man de obra mediante a desregularización e precarización do mercado de
traballo, plasmadas nunha reforma laboral agardada hai tempo pola
patronal.
E non son medidas illadas, senón que están planificadas
en conxunto e por iso así queremos amosalas. O obxectivo é desposuirnos
de todo, e que resulte imprescindible recorrer ao mercado para cubrir
as nosas necesidades. Obrígasenos deste xeito, a ter que pasar
previamente polo mercado de traballo, tendo que aceptar as súas
condicións por inaceptables que sexan.
Podes descargalo neste enlace
GAS abril, 2013