As compas da ODS de Coia inician unha campaña contra os abusos das empresas eléctricas e en concreto os de Gas Natural Fenosa, cunha charla e outras actividades:
Precisamos da luz para vivir, o que choca cos atrancos que compañías
coma FENOSA nos poñen: subida de prezos, facturación abusiva, cortes,
non negocian as débedas, desinformación...
Por todo isto a ODS-Coia e Parroquia do Cristo da Victoria decidimos orfanizar unha charla baixo o título: "Aprendendo a defender os nosos dereitos fronte ás grandes empresas da enerxía". Nela contaremos coa presenza de Rafael de Montis, experto en enerxía, que nos axudará a coñecer un pouco máis este mundo.
Se queres saber que che cobran na factura
da luz, como solicitar o bono social, como defenderte dos seus abusos,
alternativas máis xustas e económicas no subministración NON DUBIDES EN
VIR!
A charla será o venres 5 abril ás 19h30 nos locais da parroquia do "Cristo da Victoria" (rúa Baiona 9, Coia - Vigo)
Aproveitaremos o encontro para presentar o modelo de reclamación a
FENOSA que elaboramos coa idea de desenvolver unha campaña masiva de
presentacións de queixas en contra dos abusos que sufrimos nun aspecto
tan básico e necesario como é a electricidade. Tedes o modelo de
reclamación para descargar neste enlace: odscoia.arkipelagos.net/sites/odscoia.arkipelagos.net/files/reclamacion_fenosa_gal.pdf
Achegamos o texto da campaña de denuncia ante os abusos das compañías
de enerxía, neste caso facendo fincapé nos sufridos por parte de GAS
NATURAL FENOSA:
GAS “PENOSA” di: se non tes castos “APAGA E VÁMONOS”
Estánnolo a pór moi negro. O poder cada día precisa máis espazo para
os seus negocios e nese avance leva por diante conquistas sociais
acadadas tras moitos anos de loita: emprego estable, protección social,
sanidade, educación...
Cousas tan básicas como acceder a un teito, levar unha alimentación
variada e saudable, dispor de auga corrente..., é dicir, elementos
cotiáns e necesarios para vivir cun mínimo de dignidade están a ser
sometidos á lóxica depredadora da especulación dos mercados de capitais,
encarecéndose de día en día.
A insuficiencia de recursos fai que nos sintamos rodeados pola
escuridade, unha escuridade da que se lucran os mesmos de sempre. Pero
cando falamos de falla de luz non estamos a usar ningunha figura
retórica, senón que estamos a describir a crúa realidade de moitas
familias e persoas que sofren:
- As dificultades para pagar con regularidade os recibos da luz, que
en moitos casos non se corresponden co consumo real ao non ter as
empresas adxudicatarias a obriga de ler o contador todos os meses para
emitir as facturas.
- Os atrancos que compañías coma FENOSA poñen para negociar o
pagamento das débedas, en casos nos que por exemplo os ingresos veñen de
axudas sociais como a RISGA, de Pensións Non Contributivas ou de
subsidios por desemprego, é dicir, casos nos que teñen que vivir con
menos de 500€ ao mes e pagar recibos que ás veces supoñen unha cuarta
parte dos seus ingresos.
- A violencia dun corte de luz e os atrancos para volver a ter
subministración. Para volver a ter luz tes que pagar o enganche e a
débeda contraída con apenas marxe para alongar os prazos de pagamento.
- A imposibilidade de manter os seus fogares na temperatura mínima
axeitada, as limitacións a que se chega mesmo para atender á hixiene
máis elemental ou ata para quentar a comida.
E todo isto coa 3ª electricidade máis cara de Europa, cunha subida do
prezo da electricidade dende 2006 do 70% e cuns beneficios en 2012 para
GAS NATURAL FENOSA, a empresa con maior cota de mercado en Galiza, de
1441 millóns de euros. Ás prácticas desta transnacional que coñecemos
nos nosos barrios, temos que engadir o saqueo de recursos naturais en
países de Latinoamérica, as violacións de dereitos humanos, os problemas
de subministración que padecen amplas poboacións, etc.
Por todo isto esiximos:
- Que a subministración eléctrica sexa recoñecida como un dereito
básico para garantir unha vida digna e que, por conseguinte, estea en
mans da poboación e non privatizada en beneficio dos grandes capitais.
- Que non se corte a subministración naqueles fogares que non poidan asumir os pagamentos por falla de recursos.
- Que se apliquen tarifas xustas e de acordo aos ingresos do fogar.
Coia, marzo 2013
Oficina Dereitos Sociais – Coia
Parroquia “Cristo da Victoria” - Coia