border="0"

23.4.13

Asina a folla de denuncia social para esixir a Concello e Xunta que temos dereito a vivir con dignidade



A Oficina de Dereitos Sociais-Coia e a Parroquia Cristo da Victoria lanzan a campaña: Vivir dignamente é un dereito! Asina a folla de denuncia social para esixir ao Concello e á Xunta que cumpran coa súa obriga de garantir este dereito.
 
Esta iniciativa que ten coma obxectivo denunciar o crecente empobrecemento que están a padecer un gran número de persoas no noso barrio e en toda a cidade, así como esixir ás administracións públicas que cumpran coa súa obriga de garantir que todas vivamos con dignidade sen que sexan vulnerados os nosos dereitos fundamentais.

O instrumento ideado para levar a cabo esta denuncia é a presentación masiva dun escrito exercendo o dereito de petición perante as administracións públicas con competencia en materia de servizos sociais (Xunta e Concello); escrito onde o asinante expón as súas circunstancias económicas e sociais e solicita unha Renda Básica que permita satisfacer con dignidade as súas necesidades básicas.

Nestes momentos nos que a brutal dinámica que impón o sistema capitalista dominante, preocupado por salvagardar intereses mercantilistas e financeiros, fai que, quizáis máis que nunca, a riqueza de todas se acumule en mans dunha minoría mentres a maioría carece do indispensable para vivir dignamente, é de xustiza esixir ás institucións públicas que se fagan responsables do benestar da cidadanía e que garantan, con políticas activas de integración e asistencia, e co reparto equitativo dos recursos, que todas as persoas vivan en condicións de igualdade e dignidade. Por todo isto esiximos unha Renda Básica que permita cubrir as necesidades básicas, cunha contía non inferior ao limiar da pobreza (863€/mes) e que ademais de percibirse de xeito individual sexa universal e incondicional.

O modelo de escrito podedes recollelo e entregalo cuberto na ODS-Coia (locais da parroquia Cristo da Victoria, r/ Baiona 9, baixo; luns de 17 a 19 horas), tamén o podedes descargar na súa web. A ODS-Coia será a encargada da entrega conxunta de todas as solicitudes, aproveitando tanto o momento da entrega como o da expiración do prazo que ten a administración para respostar (tres meses) para denunciar publicamente a situación de empobrecemento e de abandono por parte das institucións que está a sufrir gran parte da cidadanía.

Esíxelles o que xa debería ser un dereito, Renda Básica para todas!

Coia, abril 2013