border="0"

9.1.13

Construíndo alternativas fronte a exclusión social desde o barrio vigués de Coia


Unha compañeira que colabora en praza.com estivo falando a pasada semana na ODS-Coia e froito desa conversa publicou a seguinte reportaxe:
 
A Parroquia Cristo da Victoria, a Oficina de Dereitos Sociais de Coia e o Grupo de Axitación Social  traballan desde hai anos para facer posíbel a utopía dunha vida digna desde a realidade deste barrio vigués. No último mes convocaron unha cadea humana percorrendo Coia e unha concentración fronte ao Concello para manifestar “que estamos cansas de non chegar a fin de mes, de non poder pagar recibos, de que nos digan que non hai cartos, temos dereitos. Fixemos coincidir estas mobilizacións coa negociación dos orzamentos do concello de Vigo, porque cando se estaba a falar dos cartos das viguesas, tiñamos que demandar para que se invista máis nas persoas”, explica Diego Lores, da ODS de Coia. Conversamos con Lores para coñecer máis de perto a realidade deste traballo invisibilizado e en minúsculas destes colectivos sociais fronte á pobreza.

No último mes convocaron unha cadea humana percorrendo Coia e unha concentración fronte ao Concello para manifestar “que estamos cansas de non chegar a fin de mes, de non poder pagar recibos, de que nos digan que non hai cartos, temos dereitos"

Coia é un barrio obreiro, que naceu para acoller á xente que viña traballar á industria nos anos 60. Na actualidade é unha zona envellecida, e na que se viven novas situación de empobrecemento. Das 14.000 persoas desempregadas anotadas no antigo INEM de Coia só algo menos de 5.000 reciben algún subsidio, dunha poboación de 30.000 persoas empadroadas nesta zona. “En Coia sempre houbo coñecemento do que eran as dificultades para chegar a fin de mes, os problemas dos consumos de alcol e drogas nos oitenta, mais na actualidade se viven novas situacións de exclusión e empobrecemento”, sinala Lores.

Unha oficina para loitar contra a desigualdade

Das 14.000 persoas desempregadas anotadas no antigo INEM de Coia só algo menos de 5.000 reciben algún subsidio, dunha poboación de 30.000 persoas empadroadas nesta zona

Para ofrecer información alternativa sobre prestacións sociais (tipos de axudas, contías, requisitos, documentación, onde dirixirse) e para sumar forzas na loita contra a desigualdade e a precariedade, desde setembro de 2007 leva funcionando a oficina de Dereitos Sociais de Coia, nunha sala que lle cede a Parroquia do Cristo da Victoria, e tamén xestionan casos e ofrecen atención telefónica vía web e polo correo electrónico. Esta iniciativa xurdiu  á semellanza da primeira oficina de dereitos sociais no Estado Español, que naceu en Barakaldo, da man de Berri Otxoak a mediados dos noventa.

Nos últimos 18 meses, e nomeadamente no último semestre, as horas non lles chegan para atender as numerosas situacións de veciños e veciñas desbordadas polas novas circunstancias que lles obriga a vivir a crise: “o aumento de usuarias e usuarios está motivada pola nova pobreza, que é aquela xente que se viña apañando cos traballos, paros, subsidios ou prestacións, e comezan a ter problemas pola ausencia de todo isto. Teñen problemas de impagos, da luz, auga, aluguer, e chega un momento no que se volven ás casas de nais e país, e avoas e avós. Hai un reagrupamento das familias arredor das pensións das persoas maiores”.

Violencia cotiá e normalizada

“Agora están moi de actualidade os desafiuzamentos pero antes hai una historia moi violenta e normalizada que son os impagos de luz e auga ou comunidade. Un corte de luz significan 27 euros de re-enganche. Ficar sen luz e que esteas na casa, é dunha violencia terríbel para persoas con nenos, maiores, ou simplemente pola comida que se estraga sen neveira”, salienta Lores, quen critica que desde os servizos sociais non se atendan estas situacións de emerxencias tan graves e tan comúns.

As dificultades de relación con Fenosa

"Hai una historia moi violenta e normalizada que son os impagos de luz e auga ou comunidade. Un corte de luz significan 27 euros de re-enganche. Ficar sen luz"
Os cambios no modelo de empresa da eléctrica Fenosa tamén afecta a moitas das persoas usuarias desta oficina de dereitos sociais, que mudou de emprazamento e tamén no modo de abordar os impagos e no modelo de relación. Así, na actualidade, “cando vas á oficina re-negociar o pago dunha débeda só hai teleoperadoras e programas informáticos que falan e non deixan marxe de manobra. Antes había una persoa de referencia coa que negociabas o pago da débeda e un plan de pagos. Agora as persoas que están alí, diante dun ordenador non poden facer nada porque Unión Fenosa ten subcontratada una empresa, que é que coa que ti tes que falar. Antes había un mínimo de flexibilidade, e ademais nun contexto no que o recibo da luz non para de subir. As persoas que viven esta situación senten unha indefensión terríbel, cando falamos dunha necesidade básica; mesmo ameazan con quitarlle o suministro, que lles rescindían o contrato senón pagaban”, subliña Lores.

Acción social horizontal

Fronte á privatización e mercantilización dos servizos sociais, o asistencialismo e a caridade como receita do sistema fronte as situación de empobrecemento, desde este espazo de acción social horizontal composto pola Parroquia, a ODS e o GAS apostan pola solidariedade como alternativa. “A parroquia continúa botando unha man, nun plano de horizontalidade. Na parroquia todos os meses páganse recibos de luz, auga ou aluguer . Actúa como colchón, como unha veciña máis, tenta botar una man grazas as colectas e a unha mínima subvención que se recibe. A alternativa tamén é o troco e o intercambio segundo as necesidades que se comparten”.

Diego Lores explica o papel que xoga esta comunidade cristiá de base: “é un espazo desde a fe que sempre axudou e axuda a organizarse a veciñanza, a dar respostas  no barrio, e tamén para xuntarse con outros grupos. É un espazo que, sendo distinto, é moi complementario porque opta por xuntas dar resposta desde abaixo aos problemas que temos. Aquí vese o que é igrexa da xente en minúsculas, das persoas, que comparte  e busca respostas lúcidas a esta miseria que temos. E a parroquia sempre estivo moi aberta ao barrio e colabora con moita xente que non quere ter que ver coa relixión”.

Alternativas: Conciencia social e Renda Básica das iguais

Ademais da atención a través da oficina de dereitos sociais, da acción social a través da solidariedade e do troco, desde este espazo de mobilización optan por outras opcións para mudar a situación actual: “as alternativas pasan por esixir os nosos dereitos, mudar o paso de todo está mal e non podemos facer nada, ao feito de termos aos nosos veciños e veciñas que nos poden botar una man e xuntos podemos ter o gusto de que nos vexan e sinalar aos responsábeis. É importante que nos vexamos con algo máis de dignidade. Os que están presentes nos distintos poderes son os responsábeis, e manifestar isto é sanador e liberador, liberarnos da culpabilidade da situación na que vivimos e mobilizarnos”. Desde a ODS de Coia tamén apostan por dar a coñecer a posibilidade de novos dereitos, como é a instauración da renda básica das iguais no noso país.