border="0"

23.1.13

1ª Semana Galega pola Renda Básica das Iguais, do 25 ao 31 de xaneiro 2013

Xira de presentacións do estudo de viavilidade da Renda Básica das Iguais en Galiza
Movéndonos polo dereito a vivir dignamente, movéndonos pola RBis! Con este lema as xentes de Baladre e colectivos parceiros avanzamos a programación da 1ª Semana Galega pola Renda Básica das Iguais.

O pasado mes de decembro, co galo da presentación en Compostela do libro “Repartindo a nosa riqueza”, que expón os resultados do estudo de viabilidade da RBis en Galiza, as persoas que vimos dinamizando a proposta no noso territorio decidimos dar uns cantos pasiños máis.


De cara a xerar debate sobre a utilidade desta ferramenta a hora de dar resposta á precarización que afoga a cada vez máis persoas – segundo os últimos datos do IGE, ao remate do 2012, seis de cada dez fogares galegos recoñecían a enorme dificuldade que supón chegar a fin de mes-, e a gravísima situación de exclusión na que se atopan outras moitas, propuxémonos movernos polo dereito a unha vida con dignidade e igualdade.


Así, do 25 e 31 de xaneiro poñemos en marcha a 1ª Semana Galega pola Renda Básica, na cal terán lugar actividades en diferentes cidades e vilas do país. A espera de pechar os últimos detalles para a programación final, xa podemos dar conta das actividades que están confirmadas a día de hoxe:


Venres 25

20h00 - Centro social O Gorgullón (Rúa Curtidoira 3) - Organiza: Colectivo Encontro Benestar Social - PONTEVEDRA


Sábado 26

12h00 - Fórum Própolis (Rúa Barcelona 115 Soto) - A CORUÑA

16h30 - Obradoiro de RBis e xénero - Libraría Lila de Lilith - COMPOSTELA

17h00 - Centro social okupado autoxestionado XUNTAS (Rúa do Carmen 1, entrada por Baixada a igrexa 10) - VIGO


Domingo 27

19h00 - Núcleo Confederal CNT (Camiño do Castelo, 10) - Organizan: CNT e Ateneo Libertario - ALLARIZ


Luns 28

19h00 - Espazo Cultural Alternativo EsCuA - Organiza: Adiante - OURENSE


Martes 29

10h a 12h - Facultade Traballo Social - OURENSE

20h00 - Sala polivalente da casa do Dr. Dopeso - AS PONTES

20h00 - Salón de graos Facultade Ciencias Económicas - Organiza: Liga Estudantil Galega - COMPOSTELA


Mércores 30

19h30 - Salón de Actos da Facultade de Formación do Profesorado - Organizan: A Cova da Terra e Na Encrucillada - LUGO


Xoves 31

11h30 - Centro Cívico do Casco Vello (Rúa Oliva 12) - Organiza: grupo IMAN - VIGO

20h30 - Bou Eva (Rúa Terzo de Fóra 12) - VIGO


Durante esta semana de loita polos dereitos sociais, trataremos de achegar os fundamentos no que se asenta a proposta da Renda Básica das Iguais, tanto a viabilidade económica coma social da mesma, ao maior número de persoas e colectivos, especialmente aqueles que se atopan en situación de maior vulnerabilidade como é o caso das persoas sen fogar, afectadas polo VIH, familiares de persoas presas ou mocidade. Respecto a este último grupo, o desemprego e os paulatinos recortes nas bolsas e axudas ao estudo están a facer que a emigración volva a ser a única perspectiva de futuro para moitas mozas e mozos. A esta altura, xa son 70 o número de mozas e mozos galegos que cada día parten a buscarse a vida noutro lado, coa conseguinte sangría demográfica e social que supón tal exilio económico forzoso.


Tamén abordaremos a relación entre a RBis e as propostas do feminismo dirixidas a desprazar os mercados e situar a vida con dignidade no centro das preocupación e decisións do conxunto da sociedade. Isto será nun obradoiro que terá lugar na Libraría Lila de Lilith en Compostela, organizado por un grupo de formado a partir das Xornadas Ecofeministas celebradas nesa localidade no mes de decembro. Nesta actividade, acordopuse crear grupos en base a liñas de traballo futuras entre as cales se atopaba a Renda Básica das Iguais. O obxectivo final é promover un achegamento das activistas e grupos feministas do país a esta proposta, traballándoa e dinamizándoa nunha chave de xénero que incorpore ademais a idiosincrasia da realidade galega na súa proposta.