Convocadas pola parroquia do Cristo da Victoria de Coia, a ODS-Coia (Oficina de Dereitos Sociais -Coia) e as xentes do GAS, máis dun cento de persoas concentrámonos diante do Concello de Vigo para pedir respostas polas “vítimas do sistema, as vítimas das administracións, as vítimas da inxustiza”.
Na entrada da casa de todas as viguesas apareceu un cemiterio cheo
das vítimas que sofren ante a falta de recursos, ante o medo aos cortes
de luz ou auga por non poderes asumir o pagamento dos recibos, ante os
atrasos das axudas sociais, ante os desafiuzamentos...
Deste xeito, a praza do Rei encheuse de siluetas que nos lembraban
estas mortes. Pero tamén lembraban que os poderes, hoxe apuntabamos ao
concello, esquécense destas vítimas negándolle a unha maioría crecente
os dereitos sociais necesarios para vivir con dignidade.
Na escenificación escoitamos unha marcha fúnebre que deu paso á
lectura do manifesto. Tras volver a escoitar a música de Mozart as alí
presentes collemos -para rematar- unha silueta e a tiramos ao lixo. É
dicir, fixemos o mesmo que os poderes fan cos nosos dereitos,
demostrando o pouco que lle importan as nosas vidas. E isto mentres os
cartos que nos negan aparecen para pagar grandes infraestruturas, avións
a Londres, humanizacións de rúas... Por iso preguntámonos por que
deshumanizan ás persoas?.
Rematamos coas mesmas palabras que limos no acto: “Por todos nós,
polo noso presente e o noso futuro, máis recursos económicos, máis
recursos sociais, máis dereitos para as persoas en situación de precariedade! Por un reparto xusto da nosa riqueza!”