border="0"

10.12.13

Da Xestión da Saúde á Saúde da Xestión! Folga de Sanidade 10/12/13

Áreas de Xestión Clínica, privatización de hospitais e centros de atención primaria, recorte do orzamento sanitario, retirada de medicamentos, repago dos que permanecen no sistema, pagamento de próteses e ambulancias, redución de servizos comúns, peche de especializades e unidades de atención, exclusión directa de parte da poboación do sistema sanitario, vía Real Decreto Lei 16/2012, e un longo etcétera.

Non son medidas improvisadas de urxencia para afrontar unha suposta situación de crise inesperada. A privatización da sanidade e de todos os servizos “públicos” ren­dibles, xunto ao desmantelamento dos que non o son, era xa un dos principios consti­tuíntes da Unión Europea, un feito ansiado polos grandes grupos económicos que se están a beneficiar del e unha realidade ensaiada dende hai tempo a menor escala.

Agora ben, esta realidade non ten só unha dimensión económica senón tamén po­lítica. A eliminación de toda cobertura e dereitos sociais vai ligada á creación dun mer­cado de traballo totalmente desregularizado e precarizado, cunha man de obra cada vez máis barata e servil. O obxectivo final é desposuírnos absolutamente de todo, de xeito que teñamos que pregarnos ás condicións que o “mercado” nos impoña, sexan cales sexan, para poder aspirar a cubrir as nosas necesidades máis básicas.

Pero a implantación desta nova “orde de cousas”, a pesar do grande aparello mediáti­co lexitimador que a acompaña, é de agardar que xere oposición. Ante isto, o Estado tenta blindarse cunha nova reforma do Código penal e unha Lei de “seguridade cidadá” que criminalizan, perseguen e castigan duramente calquera intento de disidencia, ao tempo que tenta construír novas supostas ameazas “extremistas” que lexitimen a súa actuación e coas que se busca distraer a nosa atención dos nosos verdadeiros problemas.

Aínda así, a oposición existe e, no caso da sanidade, materialízase en iniciativas como:
* A ocupación veciñal de centros de atención primaria para evitar o seu peche, le­vados a cabo fundamentalmente en Catalunya.
*Desobediencia do persoal sanitario a aplicar o RDL 16/2012, fomentada pola cam­paña “Yo sí, Sanidad Universal”.
*Boicot á Cruz Vermella pola súa entrada no negocio das transfusións de sangue na Comunidade de Madrid.

E unha morea de accións que polo de agora non son suficientes.

Cómpre que nos rearmemos ideoloxicamente, tomar novos folgos e volver a de­fender o que nos corresponde, que non pasa por cambiar os ocupantes dunha cadeira, senón por recobrar a capacidade de decidir e xestionar as nosas vidas. Necesitamos volver a atoparnos, recuperar –ou directamente crear– a verdadeira loita sindical, so­cial e veciñal en todas as frontes e superar o delegacionismo e a apatía que nos invade.


Porque a verdadeira loita, colectiva, non debe ser pola sanidade, senón pola SAÚDE!