border="0"

3.4.11

Acto informativo en Vigo contra o consumismo nas rebaixas [14|01|06]


Será o sábado 14 de xaneiro ás seis, na mediana da Gran Vía á altura da rúa Venezuela (a única zona da cidade aínda máis comercial que a rúa Príncipe)

Con este sinxelo acto finalizaremos as actividades que para promover a reflexión contra o consumismo, iniciamos en novembro co "Día Sen Compras".

No acto poñeremos unha mesa informativa, algúns paneis e ademais repartiremos este panfleto (moi similar en calqueira caso ao que xa repartimos no Magosto Anticonsumista):

NAS REBAIXAS: CONSUMO RESPONSÁBEL!

Aínda non recuperadas dos excesos do Nadal, -que é ao cabo “a gran festa do consumismo”- , vémonos xa inmersos nas Rebaixas, continuación dese espírito de consumir por riba das nosas posibilidades e das posibilidades do planeta.

A gran maioría dos produtos que mercamos nestas datas non nos son necesarios de ningún modo.

E isto a pesar de que o endebedamento familiar no estado español está chegando en moitos casos ao noventa e mesmo ao cen por cen da renda disponíbel, e nun ano no que o Banco Europeo ameaza con subir os tipos de interese (o que encarecería as hipotecas e levaría a moitas familias a non poder afrontar o pago das súas vivendas).

O consumo é inevitábel, pois nesta sociedade na que nos atopamos temos unha serie de necesidades que non podemos satisfacer sen entrar no circuito comercial que leva funcionando séculos.

O malo é que este sistema comercial se atopa nunha fase de desenvolvemento tan grande que se converte nunha obsesión por vender e consumir e xenera unha competencia brutal entre empresas, na búsqueda do máximo beneficio a calquera coste e que ten como consecuencia o aumento das desigualdades dentro da nosa sociedade, e entre países desenvolvidos (consumidores-explotadores de recursos) e os "en vías de desenvolvemento" (produtores-explotados).

O segredo de que nesta parte do planeta poidamos manter este nivel desaforado de consumo non é outro que a situación de neoescravismo que sofren as persoas que elaboran boa parte deses produtos. Coa globalización económica reducíronse os custes da produción a cambio de reducir dereitos humanos.

A publicidade encárgase de amosar unha realidade deformada, tratando de que a cidadanía consuma sen límites todo tipo de produtos como substituto da verdadeira felicidade ou das satisfaccións que a vida non proporciona, sen reflexionar nos impactos ou prexuízos que poidan causarse ao medio ambiente, a outras culturas, a persoas, ou ao resto dos animais. A cidadanía feliz, dende pequena até o final dos seus días, consome todo tipo de produtos. Hoxe véndese e consómese absolutamente de todo: viaxes, votos, saude, auga,felicidade, sexo, seguridade, investimentos, deportes, aventuras, dereitos, nenas, mulleres, animais, patentes sobre a vida e a natureza, ...

Nesta sociedade na que a capacidade para consumir é o que concede a categoría de cidadána e o prestixio social, nós queremos reivindicar unha cultura do CONSUMO RESPONSÁBEL, crítico e xusto, salvagardando os VALORES ÉTICOS, SOCIAIS E MEDIOAMBIENTAIS (fomentando as cooperativas de consumo consciente, o comercio xusto e o circuito corto de produción e consumo fronte á tolemia actual das grandes superficies). Para conquerir entre todas un mundo máis xusto, cun maior respecto pola natureza e a vida e cun reparto máis equilibrado da riqueza (lembremos que o 84% dos recursos é utilizado polo 16% da poboación mundial).

Asociación Caleidoskopio, Grupo Axitación Social, Ateneo Libertario de Vigo, CGT, RCADE e Asociación Xuvenil Luar