border="0"

24.4.11

O Estado español ratifica o Tratado de Lisboa [08.08]

No medio do verán, de novo sen consultar á poboación e nun pleno extraordinario o Senado ratificou o (xa aprobado no Parlamento) Tratado de Lisboa, unha modicación mínima do rexeitado Tratado Constitucional europeo.

Xa son 23 os países europeos que ratificán o Tratado de Lisboa a través dos seus parlamentos, e a UE estudia facer un novo referendum en Irlanda, aproveitando as eleccións europeas, para cambiar o sentido do anterior no que gañou o "non" ao Tratado.

O "regalo" do Tratado de Lisboa

O desafío actual da Unión Europea é converterse nunha superpotencia mundial. Para iso necesitamos aumentar o territorio baixo o noso control (de aí a ampliación a países do Este e a sinatura de acordos de libre comercio) e convertérmonos nun poder político e militar de primeira orde.

O grande obxectivo da UE é o crecemento económico (art.3), e o motor que a dirixe é o principio de competencia (protocolo nº 6), a fin de eliminar os “obstáculos” ao libre comercio mundial (art.10A e 188B), garantir a libre circulación de capitais (art.56 e 57-3) e lograr a estabilidade de prezos (art.3), que será o único obxectivo do Banco Central Europeo (art.108).

Os Servizos Públicos (como a atención sanitaria, a educación, o abastecemento de auga potábel, o transporte colectivo, o correo, ou as atencións sociais ás persoas maiores) quedan suxeitos ás normas da competencia (art.86 e 87), polo que iranse convertendo en negocios mercantís xestionados por multinacionais.

A Carta de Dereitos Fundamentais non recoñece o dereito ao traballo nin ao emprego, senón só o xenérico “dereito a traballar”, e substitúe o dereito á seguridade social e aos servizos sociais polo “dereito de acceso ás prestacións de seguridade social e aos servizos sociais”.

Os estados máis ricos (Alemaña, Francia e Reino Unido) terán máis peso mediante o novo sistema de toma de decisións, avanzando así cara a unha UE a “varias velocidades”, onde os países menos poderosos terán cada vez menor capacidade de decisión.

A construción da UE implica un distanciamento cada vez maior entre os lugares de produción e os de consumo, que son conectados a través das grandes infraestruturas de transporte e de conexión enerxética. Isto implica miles de km2 de asfalto e formigón, o incremento das emisións de CO2 á atmosfera (causantes do cambio climático) e a segmentación do territorio, o cal ameaza aínda máis a biodiversidade.

O Tratado de Lisboa aumenta as desigualdades, xa que, se ben o control da inflación e do déficit son obxectivos da UE, non o son a erradicación do paro e da precariedade. A Unión non recolle o dereito a un ingreso básico universal ou o de poder residir nunha vivenda digna. Ademais, ás persoas inmigrantes non se lles recoñecen dereitos tan básicos como os referidos ao lugar de residencia ou ao voto.

Redúcense os ámbitos nos que existe dereito de veto polos estados favorecendo así que as decisións sexan tomadas pola UE.

Afírmase a libre circulación da cidadanía europea (art.18) dentro do marco de peche de fronteiras á inmigración exterior.

O Tratado recorta as liberdades. En Bruxelas hai 15.000 lobbystas dedicados a presionar para que as lexislacións que emanan da UE sirvan aos intereses dos grandes capitais. A participación popular está limitada para permitir que as decisións se tomen de forma máis áxil. Ademais, coa escusa da loita contra o terrorismo tivemos que restrinxir as liberdades individuais da poboación para garantir "seguridade”.

Por todo isto aínda que o ratifiquen vinte veces máis de costas á xente, temos que seguir denunciando e rexeitando este Tratado antidemocrático, militarista e insostible.

Crónica e fotos da acción en Vigo (Xaneiro de 2008) contra o Tratado de Lisboa: http://galiza.indymedia.org/pt/2008/01/13997.shtml