border="0"

4.4.11

O Vitrasa a 1€ [02|06]

(e nós que queríamos transportes públicos gratuitos!)

É moi fácil para os partidos políticos da nosa cidade introducir nos seus programas electorais a promesa da defensa e promoción do transporte público, pero é desolador comprobar como sucesivamente ningún goberno municipal pode frear a voracidade desta empresa concesionaria.

A fin de contas, é algo moi habitual que os servizos públicos privatizados se encarezan. O único compromiso das empresas é obter beneficios para ter contento ao seu accionarado, os que terían que preocuparse de que a cidadanía teña un bo servizo ou mesmo de que poida acceder a él, e dicir, o concello.

E dicimos isto porque imos ter durante todo o 2006 o billete de Vitrasa a 1€ e o bonobús normal a 70 cts. Qué promoción do uso do transporte público é esta que apenas beneficia ao usuario habitual, mentres en case todo o estado o bonobús permite aforrar arredor do 50% do prezo, e nunha cidade cun dos billetes máis caros, só superado polo das grandes capitais?

Na sociedade actual o desprazamento motorizado é necesario para a subsistencia do individuo e para o funcionamento do propio sistema (para traballar, buscar traballo, consumir, estudar, ir ao médico, etc). E máis en Vigo, que crece sobre todo en extensión e se aposta por un modelo de cidade que forza a continuos e longos desprazamentos coa construción de numerosos centros comerciais e zonas residenciais e industriais en diferentes barrios do extrarradio.

Na medida en que moverse pola cidade é máis unha imposición social que unha elección, a cidadanía debería ter garantido este dereito, debería ter un verdadeiro servizo público.

A isto, podían dedicarse boa parte dos cartos que se dilapidan en tentar amañar o caos circulatorio e a necesidade insaciábel de aparcamentos, que provoca o uso xeneralizado do automóbil particular (que a fin de contas é o que se promove cun transporte público caro e deficiente, especialmente nos barrios periféricos).

Nós que consideramos fundamental o transporte público gratuíto por razóns sociais e ecolóxicas, entendemos que esta suba de prezos é nefasta nestes dous aspectos:

Socialmente, porque hoxe en Vigo afecta a gran cantidade de persoas paradas e traballadoras precarias, que coa súa renda malamente fan fronte ás necesidades básicas (alimento, aluguer/hipoteca, etc). E non esquezamos que ademais subiron a electricidade, o gas, o lixo, a auga…

A gratuidade só é para as pensionista que cobren unha miseria e para as receptoras da Renda de Inserción Social de Galiza. Se o que quería con estas medidas era atender ás necesidades sociais máis urxentes, mostráronse, absolutamente insuficientes.

Ambientalmente, tamén resulta fatal porque potencia o uso do transporte privado, co que o aproveitamento do espazo viario é ineficiente: máis coches para transportar menos xente de cada vez, o consumo de máis recursos non renovábeis, a emisión de máis gases de efecto invernadoiro, a xeneración de máis contaminación acústica e de máis accidentes, e ademais, as obras públicas para amañar a circulación que tamén provocan gran impacto (apartamentos, túneles, viais máis anchos, etc).

Fronte a esta nova agresión as usuarias de Vitrasa, nós reivindicamos:

- Que haxa transportes públicos urbanos gratuítos para todas.

- Que se potencie de verdade o transporte público colectivo fronte ó particular (mellorándoo, ampliando horarios, liñas…)

- Que se pacifique o tránsito nas cidades, reducindo a mobilidade obrigatoria, recuperando o espazo viario para o tránsito de peóns e as bicicletas, e limitando o transporte motorizado individual no centro da cidade.

- Que se teñan en conta as necesidades locais, sociais e económicas das usuarias fronte ás actuais políticas de transporte que desenvolven modelos insostíbeis.

Grupo de Axitación Social

3.4.11

O PXOM [2006]

Revista sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo: o seu contido, a súa historia, a situación actual... Todo isto e moitos temas que xiran ao seu redor!

Descargar desde este enlace:

http://www.box.net/shared/hb9c34hcks

Crónica da manifestación do 4 de febreiro contra o PXOM de Vigo [2006]


Ás seis menos cuarto arrancou a manifestación que coma nas veces anteriores mostraba unha grande diversidade de reclamacións, pancartas por barrios ou grupos de afectadas e tamén individuais con mensaxes de todo tipo contra a destrucción do rural e contra o goberno municipal, o Faro de Vigo, etc.

O percorrido non era longo nin moito menos, pero a grande cantidade de xente que participou e a lentitude do paso, fixo que tardasemos máis dunha hora en rematalo.

Durante todo o acto non deixamos de berrar os lemas xa habituais nestas protestas, e de facer barullo con todo o imaxinábel, silbatos, maracas de todo tipo, sereas manuais ou de megáfono, latas, cacerolas, etc. Tan só botamos en falta algo de música...

Durante o paso pola rúa Urzaiz, algunhas asistentes foron deixando un regueiro de pegatinas contra a Ronda e contra o plan pegadas polas farolas e demais mobiliario urbano, ademais de cartaces prantados nas xardineiras que decoran toda a rúa.

Ao final do acto gardouse un minuto de silencio polo PXOM, e leuse o comunicado unitario, no que se lembrou que este é un PXOM insostíbel, non garante un quilibrio global para o futuro da cidade, supón unha grande e rápida degradación ambiental, todo o plan basease na desaparición do rural vigué, e condea á destrucción a barrios enteiros, en definitiva empobrecerá de forma irreversíbel o patrimonio natural, cultural, biolóxico e forestal de Vigo.

O que non di a prensa é que ademais se lembrou a actitude que durante todo este conflicto ven mantendo o Faro de Vigo, minimizando as protestas e a oposición ao plan e tentando dar a imaxe de unanimidade e consenso na cidade, para que quedase claro visualmente procedeuse á queima de exemplares deste xornal, entre os aplausos das asistentes.

É mencionábel o feito de que desta vez houbo panfleto común repartido polos grupos convocantes:
Asociación de Afectadas pola Ronda de Vigo (Lavadores)
Colectivo de Propietarias Afectadas de San Pedro de Sárdoma
Colectivo de Afectadas Samil Navia
Colectivo de Afectadas pola Depuradora
Colectivo de Afectadas de Teis
Asociación de Veciñas de Coia de Abaixo
Asociación de Propietarias e Veciñas de Sta. Lucía da Salgueira
Colectivo de Afectadas de Rioboo
Colectivo de Afectadas de Cataboi
Colectivo de Afectadas de Liñeiriños
Asociación de Afectadas pola Ronda e Ampliación de Matamá
Colectivos de Afectadas de Alcabre

Sobre a presenza de grupos políticos ou cun compoñente político/social houbo pancartas de Nós-UP, Esquerda Unida, Outro Vigo é Posible e o Centro Social Revolta.

A nosa valoración da mani é que serviu para reactivar definitivamente unha mínima esperanza contra a aprobación do plan e elevou de novo o tema ao primeiro lugar do debate público, algo fundamental xa que neste mes e no seguinte o Concello fará os últimos trámites da aprobación provisional, para posteriormente pasar a aprobación definitiva á Xunta.

Grupo de Axitación Social

Máis fotos: http://galiza.indymedia.org/gz/2006/02/6074.shtml

A recta final do Plan Xeral de Vigo? [02|06]

Definitivamente parece que o 28 de febreiro a Xerencia Municipal de Urbanismo dictaminará o novo PXOM. Suponse que a primeiros de marzo farán a aprobación provisional de cara a que a Xunta faga a aprobación definitiva nun prazo de tres meses. E chegamos a isto mentres segue habendo manifestacións nos barrios afectados, e isto, tras cinco anos de proceso.

No 2001 inícianse, por parte da consultoría privada contratada polo Concello, os traballos para a redacción do que pretenden que sexa o novo PXOM de Vigo cun estudo de impacto ambiental incompleto, cheo de incorreccións e falsedades. Mais non será até o ano 2004/5, grazas en gran medida ao movemento social xerado contra unha das súas propostas estrela, a "Ronda de Vigo", que comeza a existir debate social sobre o mesmo e a coñecerse o modelo de cidade (tipicamente "desarrollista") e o beneficio da especulación inmobiliaria que se nos pretende impor.

Deste xeito, confórmase un movemento veciñal de oposición ao PXOM á marxe das estruturas clásicas de organización veciñal (claramente burocratizadas e servís). Este movemento veciñal realizará un importante traballo de información e mobilización que culminará en varias manifestacións multitudinarias e a presentación de 61.000 alegacións ao plan. Estas alegacións nin sequera van ser respondidas por escrito, pois o Goberno Municipal pretende colgar as respostas en internet. Ademais, xuntáronse 21.000 peticións de referendo municipal sobre o contido do plan.

Ante isto o concello limitouse a pedir un informe xurídico e a alcaldesa pola súa parte xa dixo máis dunha vez que non pensa convocar o tal referendo. O Concello segue actuando de costas á cidadanía -non esquezamos que o pleno de aprobación inicial do PXOM tiveron que facelo a porta pechada-. Agora sabendo que moitas afectadas van querer exercer o seu dereito a asistir ao pleno de aprobación provisional, o concelleiro de urbanismo négase a que sexa no auditorio (onde caberían centos de persoas) celebrándose pola contra no salón de plenos -onde non caben máis de cen-, a menos que a asistencia sexa filtrada mediante invitación previa, e isto é ilegal xa que os plenos muncipais son totalmente públicos.

E xa rematando lembremos o contido do plan: pretenden urbanizar 32 mill. de metros cadrados do medio rural en 25 anos e duplicar o número de vivendas coa construción de 123 mil, desaparecerá o 20 % da superficie arbolada (uns 2 mill. de árbores), o 60% dos solos produtivos e de uso agrícola tradicional e o 15% da biodiversidade municipal. En definitiva, se se aproba este plan seguindo os intereses do mercado inmobiliario e contra a cidadanía residente en Vigo a nosa cidade, o medio ambiente e a forma de vida de miles de veciñas sufrirá unha agresión irreversíbel.

Grupo de Axitación Social

Artigo orixinalmente publicado no Bolezine nº2 de febreiro do 2006.

Máis información:

http://galiza.indymedia.org/pt/2005/05/2899.shtml
http://galiza.indymedia.org/pt/2005/12/5530.shtml

Proxección de "A Tornallom" [26|01|06]

Organizado polo GAS e Caleidoskopio, a proxección será o xoves 26 de xaneiro ás 20:30, no CSA "A Cova dos Ratos". É un documental sobre a loita das veciñas contra o PGOU de Valencia, en defensa das terras de horta de La Punta.

La Punta é unha zona de horta da cidade de Valencia, declarada no Plan Xeral de Ordenación Urbana do ano 1987 “Zona Agrícola de Especial Protección” e que no ano 93 é declarada Zona de Actividades Loxísticas para a ampliación do Porto.

O documental narra a loita que levaron a cabo conxuntamente xóvenes chegados da cidade e os veciños de toda a vida, en defensa da horta e da forma de vida que ata eses momentos se facía alí.

+ Info: http://perlhorta.org/nova/?q=node/114

A Renda Básica dos iguais [20|01|2006]




Aportación para un debate necesario

No Estado español a taxa de paro é o dobre cá europea, a da precariedade o triplo e case o 20% da poboación encóntrase por debaixo do umbral da pobreza.

Fronte a isto a única solución que ofrece o sistema capitalista é promover o aumento do beneficio empresarial e financeiro, xa que logo -segundo eles- traerá aparellado un aumento dos empregos e, polo tanto, do benestar social.
Isto é, a xa demorada promesa electoral de máis traballo a cambio da destrución do planeta, de recortes sociais, de guerras, de opresión...

Pero na realidade o aumento dos beneficios empresariais non repercute sensibelmente na mellora das condicións de vida da cidadanía e, na actualidade, o feito de ter un emprego non impide vivir na pobreza ou sufrir a precariedade laboral e social máis absoluta.

Nesta liña vai a nova reforma laboral que nos queren impoñer. Profundizarán no camiño iniciado polas anteriores: abaratamento do despido, traballo precario, recortes dos dereitos laborais, aumento da produtividade, flexibilidade, etc. O capitalismo precisa da pobreza e da opresión, sexa contra a poboación propia ou contra os países do terceiro mundo, para que funcione este modelo de produción/explotación salvaxe.

Parello a isto, o proceso de construción europea no que estamos inmersos obriga a recortes nas prestacións por desemprego, a máis anos de cotización para as pensións, a recortes e privatizacións dos servizos públicos, a diminución da contía e a aumento das esixencias para obter axudas sociais e un longo etcétera. En suma, a un perfeccionamento ad infinitun nos métodos regresivos consubstanciais ao Estado.

Estes recortes pretenden visualizar, por unha banda, a imposibilidade da existencia cotiá fóra da explotación do traballo asalariado e, por outra banda, ao aumentar as desigualdades e a exclusión, forzar a que se acepten como inevitábeis para sobrevivir o empeoramento das condicións laborais até o neoescravismo.

Fronte a este sistema que unicamente procura o beneficio e a competencia a calquera prezo, a Renda Básica aporta un medio de redistribución da riqueza que contrarresta a desigualdade crecente.

A RB, no seu modelo “forte, só pode ser entendida como un dereito: individual e non familiar, universal porque o percibiría toda a cidadanía (incluidas as persoas inmigrantes) e incondicional en varios sentidos: a) percíibeo o individuo coma integrante da sociedade, non coma persoa traballadora real ou potencial; b) non depende de que reciba ou non outros ingresos, evitando así a caridade e a estigmatización da pobreza; c) o seu ingreso é independente das circunstancias familiares.

A RB supón, por tanto, o dereito a percibir unha remuneración sen contrapartida algunha e cuxa contía garanta a satisfacción das necesidades básicas das persoas.

Asemade, a RB vén a devolverlle á sociedade parte do perdido antes de nacer coma son os recursos naturais (exclusivos da humanidade toda) ou os medios de produción. Ademais serve para que se recoñeza o carácter social da riqueza que xeramos todas e que unhas poucas se apropian indebidamente (a produción é social froito da intelixencia colectiva, da cooperación social), a cultura e os coñecementos científicos e industriais produto da experiencia de séculos da humanidade, convertidos agora en patentes exclusivas e marcas rexistradas. Mesmo o conxunto da vida social, coma o feito de sermos consumidores (resorte fundamental para a pervivencia do capitalismo) ou a infinidade de traballos non remunerados que suplen as carencias sociais, cando non industriais, os traballos cognitivos, afectivos, de coidados, relacionais, do fogar, de limpeza de leiras e coutadas para evitar lumes, das praias e do mar -en situacións como a catástrofe do Prestige, etc.

A financiación da RB viría da fundición dos subsidios existentes nunha soa prestación -a propia RB-, mediante reformas fiscais que graven o aumento do beneficio empresarial e financeiro, das subvencións ás empresas, exército e forzas represivas, á Igrexa e as ONG´s. Así como das moreas de cartos que hoxe en día evaden os empresarios e agochan nos paraísos fiscais coa complicidade dos estados. Non pretendemos demostrar que a súa financiación sexa viábel economicamente dentro do capitalismo. A súa viabilidade é unha cuestión política que debe ser conquistada e imposta, como as oito horas e demais conquistas laborais, froito do proceso histórico da loita de clases, para finalmente repercutir sobre os cuantiosos beneficios empresariais.

A imposición deste dereito, socavaría pilares esenciais do capitalismo, tal que a relación salarial, a propiedade privada ou estatal (que é outra forma de dicir “privada”) dos medios de produción e o propio funcionamento dos mercados, polo que a súa consolidación tería que levar aparellada unha profunda transformación social e política, inédita para os nosos contemporáneos.

Esa nova sociedade só podería substentarse no recoñecemento de novos dereitos sociais. A saber: dereito de mobilidade e cidadanía global, de vivir dignamente (que incluiría a RB, a vivenda, o transporte, os servizos públicos, etc), de liberdade de coñecemento/apropiación dos novos medios de produción, ademais do dereito a un planeta limpo.

A RB está chamada a ser unha grande ferramenta de autoorganización do traballo, pero aplicada correctamente é, tamén, unha ferramenta de autoorganización social, xa que parte da contía destinada a RB se concedería á comunidade para ser xestionada asembleariamente e solventar as necesidades sociais da mesma.

Por suposto que a RB non é a solución a todos os problemas políticos e sociais actuais. Sobre todo é un gran medio de loita para o reparto da riqueza, para a igualdade do home e da muller, para repensar a socidade á marxe da explotación salarial e (como froito dunha loita horizontal contra unha sociedade enferma de poder) elemento para a autoorganización dos individuos contra a explotación e a opresión.

A súa forza está, precisamente, no seu valor de uso. Calquera outra mistificación estaría abocada ao fracaso.

GAS

+ Info: http://www.rentabasica.net/RBdelosiguales.PDF

Acto informativo en Vigo contra o consumismo nas rebaixas [14|01|06]


Será o sábado 14 de xaneiro ás seis, na mediana da Gran Vía á altura da rúa Venezuela (a única zona da cidade aínda máis comercial que a rúa Príncipe)

Con este sinxelo acto finalizaremos as actividades que para promover a reflexión contra o consumismo, iniciamos en novembro co "Día Sen Compras".

No acto poñeremos unha mesa informativa, algúns paneis e ademais repartiremos este panfleto (moi similar en calqueira caso ao que xa repartimos no Magosto Anticonsumista):

NAS REBAIXAS: CONSUMO RESPONSÁBEL!

Aínda non recuperadas dos excesos do Nadal, -que é ao cabo “a gran festa do consumismo”- , vémonos xa inmersos nas Rebaixas, continuación dese espírito de consumir por riba das nosas posibilidades e das posibilidades do planeta.

A gran maioría dos produtos que mercamos nestas datas non nos son necesarios de ningún modo.

E isto a pesar de que o endebedamento familiar no estado español está chegando en moitos casos ao noventa e mesmo ao cen por cen da renda disponíbel, e nun ano no que o Banco Europeo ameaza con subir os tipos de interese (o que encarecería as hipotecas e levaría a moitas familias a non poder afrontar o pago das súas vivendas).

O consumo é inevitábel, pois nesta sociedade na que nos atopamos temos unha serie de necesidades que non podemos satisfacer sen entrar no circuito comercial que leva funcionando séculos.

O malo é que este sistema comercial se atopa nunha fase de desenvolvemento tan grande que se converte nunha obsesión por vender e consumir e xenera unha competencia brutal entre empresas, na búsqueda do máximo beneficio a calquera coste e que ten como consecuencia o aumento das desigualdades dentro da nosa sociedade, e entre países desenvolvidos (consumidores-explotadores de recursos) e os "en vías de desenvolvemento" (produtores-explotados).

O segredo de que nesta parte do planeta poidamos manter este nivel desaforado de consumo non é outro que a situación de neoescravismo que sofren as persoas que elaboran boa parte deses produtos. Coa globalización económica reducíronse os custes da produción a cambio de reducir dereitos humanos.

A publicidade encárgase de amosar unha realidade deformada, tratando de que a cidadanía consuma sen límites todo tipo de produtos como substituto da verdadeira felicidade ou das satisfaccións que a vida non proporciona, sen reflexionar nos impactos ou prexuízos que poidan causarse ao medio ambiente, a outras culturas, a persoas, ou ao resto dos animais. A cidadanía feliz, dende pequena até o final dos seus días, consome todo tipo de produtos. Hoxe véndese e consómese absolutamente de todo: viaxes, votos, saude, auga,felicidade, sexo, seguridade, investimentos, deportes, aventuras, dereitos, nenas, mulleres, animais, patentes sobre a vida e a natureza, ...

Nesta sociedade na que a capacidade para consumir é o que concede a categoría de cidadána e o prestixio social, nós queremos reivindicar unha cultura do CONSUMO RESPONSÁBEL, crítico e xusto, salvagardando os VALORES ÉTICOS, SOCIAIS E MEDIOAMBIENTAIS (fomentando as cooperativas de consumo consciente, o comercio xusto e o circuito corto de produción e consumo fronte á tolemia actual das grandes superficies). Para conquerir entre todas un mundo máis xusto, cun maior respecto pola natureza e a vida e cun reparto máis equilibrado da riqueza (lembremos que o 84% dos recursos é utilizado polo 16% da poboación mundial).

Asociación Caleidoskopio, Grupo Axitación Social, Ateneo Libertario de Vigo, CGT, RCADE e Asociación Xuvenil Luar