Esta mañá ao redor de corenta persoas participamos no acto que levaba
por título: "Rescatemos ás persoas, non aos aparcadoiros". Na cidade fermosa para as empresas amigas do goberno municipal a nós tócannos as migallas.
Moi preto da entrada do aparacadoiro están as dependencias dos
servizos sociais municipais. Eses que están colapsados e que "non teñen
cartos" para cubrir necesidades tan básicas como luz, auga ou vivenda. O
cheque social xa superou o prazo máximo de resolución e as previsións
son que poden estar resoltas para outubro. Iso si, para facer negocios
de dubidosa legalidade con empresas amigas aparecen os cartos que nunca
hai para nós.
Ante isto, hoxe non podiamos facer máis que darlle un novo uso ás
prazas do aparcadoiro de Castelao. Alí montamos unha vivenda precaria,
posto que os cartos que se nos negan van para estas prazas que nin os
carros empregan. Sacos de durmir e un mantel con pratos e vasos serviron
pou un anaco de acubillo.
Para pechar o acto saímos ao exterior onde dimos lectura do seguinte manifesto:
Para contextualizar o evento que nos trae hoxe aquí – isto é, o feito
de o Concello regalar máis de seis millóns de euros a unha empresa
privada en creba técnica‒ imos ler uns extractos dun texto máis extenso e
prolixo de Óscar Lomba titulado “Aparcadoiros improdutivos, concesións erróneas e sociedades pantalla”.
En xaneiro do 2015 o xulgado declarou en concurso voluntario de
acredores a mercantil COCHERAS OLÍVICAS DE PUENTES S.A., sociedade
pantalla ou instrumental creada por PUENTES Y CALZADAS GRUPO DE
EMPRESAS, S.A., para xestionar a concesión de servizo público de
aparcadoiros nas rúas Rosalía de Castro, Jenaro de la Fuente e avenida
Castelao, que foi adxudicada por acordo da Xunta de Goberno Local o 21
de maio de 2007.
O Concello en vez de proceder á rescisión do contrato que, de acordo á
Lei de contratos das administracións públicas, sería o máis beneficioso
para preservar o interese xeral, xustifica mediante informes do
interventor municipal e dunha consultora externa “Seixas Consultora
S.L.” (que non ten experiencia previa neste tipo de avaliación), a
modificación da concesión que reequilibrase a economía do contrato.
Así xorde o acordo da Xunta de Goberno Local do 26 de xuño deste ano,
que por medo a unha demanda do banco Popular (que se arriscou
alegremente a prestarlle 11 millóns a unha empresa cun capital de 60.000
euros), pretenden regalar máis de 6 millóns de euros beneficiando os
intereses privados dunha empresa en concurso de acredores, creada por
outra Sociedade Anónima para eludir responsabilidades patrimoniais, e
que é a que tería que facer fronte e responder pola nefasta xestión que
se realizou durante estes oito anos, e non socializar agora as perdas
nos petos de todas as viguesas.
Porén, xa en outubro de 2014, houbo unha sentenza que rexeitaba as
reclamacións da empresa, porque quería que se garantisen os seus
beneficios, pero quedaba claro que foron factores externos á
Administración municipal, como a crise inmobiliaria e o feito de que a
zona de Rosalía de Castro xa estaba catalogada no PXOM como zona de
valor arqueolóxico de aí que aparecesen restos durante as obras e
tivesen que modificar o proxecto.
Caballero realizou unha xestión nefasta desde o ano 2008 ‒estaba
claro que estes aparcadoiros non ían ser viábeis economicamente‒ e, por
razóns electoralistas, foi agochando e arrastrando o problema en vez de
anular a concesión e convocar un novo concurso público con transparencia
e novos condicionantes. Preferiu actuar de mala fe agochando todo até
pasadas as eleccións, encargando estudos á carta a unha consultora para
xustificar unha mala solución para os intereses públicos e para a
facenda do Concello de Vigo.
Vemos así como os cartos que nunca aparecen para necesidades sociais
son regalados a empresas privadas co fin de que estas manteñan os seus
negocios.
Estamos cansas das súas políticas. Estamos fartas de esmolas, mentres ollamos como os poderosos enchen os seus petos.
Queremos xustiza social! Vivir dignamente é un dereito!
Coia, 18 de setembro de 2015
ODS-Coia e G.A.S.
--
Imaxes e videos do acto: https://www.flickr.com/photos/axluar/albums/72157658365566568