border="0"

28.1.15

Concentración no xulgado: O Concello reparte esmola, nós esiximos dereitos sociais!



O próximo xoves 29 de xaneiro, ás 10:45 celebrarase a vista no proceso iniciado por unha compañeira da ODS-Coia contra a denegación de dúas Axudas de Emerxencia Municipal por parte do Concello de Vigo. En apoio desta compañeira, a ODS-Coia, a parroquia "Cristo da Vitoria" e G.A.S. convocamos unha concentración de apoio nas portas dos propios xulgados (r/Lalín, Vigo) a partires das 10:30 da mañá.

Nesta demanda contencioso-administrativa estanse a recorrer dúas resolucións da Concelleira de Benestar Social, Isaura Abelairas, nas que se fan patentes, por unha banda, a absoluta falla de motivación das resolucións denegatorias desta clase de prestacións e o grave incumprimento da tramitación legalmente esixida no procedemento administrativo; e por outra banda, a arbitrariedade na concesión das axudas, e a falla de resposta eficaz, en contía e tempo, por parte do Departamento de Benestar Social do Concello de Vigo.

Os motivos de oposición alegados no recurso son:

- Infracción das normas reguladoras do procedemento administrativo: falla de cumprimento dos trámites legalmente esixidos. Incumprimento da estimación por silencio administrativo.

- Falla de suficiente motivación da denegación das axudas.

- Incumprimento das bases reguladoras das Axudas de Emerxencia en canto a produción e contido, por infrinxir a finalidade, requisitos de acceso e contía máximas das axudas.

O caso desta compañeira, que o xoves colocaremos diante do xuíz do Xulgado do Contencioso nº 1 de Vigo, non é máis que un exemplo dos centos de persoas que cada día ven como non se respectan os seus dereitos como administrados, como cidadáns, e como o Concello de Vigo perpetúa unha política social na que a opacidade, a irregularidade e a miseria son a regra xeral.

Este xuízo é o primeiro dunha loita, que o 18 de febreiro continuará, xa que outra compañeira acode tamén aos xulgados na procura da protección. Unha protección que o departamento de Benestar Social négase a ofrecer, malia a publicidade dun alcalde que fala das mellores políticas sociais do mundo, mentres as persoas sufrimos nos servizos sociais os: “non hai cartos”, “tes que te arranxar coa RISGA”, “xa recibiches moitas axudas”.... dun departamento colapsado e xestionado de costas ás necesidades básicas da xente.



Coia, xaneiro 2015

ODS-Coia, Parroquia Cristo da Vitoria e Grupo Axitación Social (G.A.S.)