border="0"

6.5.14

Concentración perante o colapso das Axudas de Emerxencia Municipais (convocatoria e crónica) 25/04/2014

Xa anunciaramos na convocatoria do 25 de abril que Se Mahoma non vai á montaña...iriamos nós onda eles. Por iso o VENRES 2 de maio, a partires das 10h00, a ODS-Coia, o Grupo de Axitación Social e parroquia do Cristo da Victoria convocamos unhaCONCENTRACIÓN ás portas do CONCELLO. E de novo convidamos ao alcalde e á concelleira a que ofrezan solucións ante os atrasos das Axudas de Emerxencia Municipais (AEM).
Abel Caballero e Isaura Abelairas, concelleira de Benestar Social néganse a explicar os motivos do colapso que sofre o departamento de servizos sociais do concello de Vigo. A calada por resposta. Mentres máis de dúas mil solicitudes de AEM están sen resolver. Igual que os problemas de moitas persoas, que acudimos a estas axudas para tratar de buscar vieiros polos que saír do empobrecemento que nos afoga.
Desempregadas ou con empregos precarios, sen pensións ou con elas recortadas, sen prestacións, sen axudas sociais... así temos que vivir, ou máis ben sobrevivir.
O pasado 25 de abril convocamos unha asemblea aberta para falar sobre a Política Social do Concello de Vigo, en concreto sobre os problemas na xestión das AEM nas últimas semanas. Ao acto estaban convidados o alcalde e a concelleira. Nin acudiron, nin deron explicación aos problemas denunciados. Preto dun cento de persoas escoitabamos como moita xente busca nestas axudas os euros necesarios para pagar a vivenda, a factura da luz, a bombona de butano, os alimentos dos cativos da casa... e como a resposta que atopaban era o silencio dos responsables políticos.
Contra a exclusión, redistribución! Dereitos Sociais para todas!
Renda Básica das iguais, XA!

Crónica da concentración perante o colapso das Axudas de Emerxencia Municipais
Hoxe o concello celebraba un pleno extraordinario no que se aprobaron os orzamentos para 2014. Ao mesmo tempo a praza do rei acollía dúas concentracións: unha reclamando dereitos sociais e outra da veciñanza de Teis a propósito do conflito polo centro cívico do barrio.
Convocadas pola ODS-Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social (GAS) concentrámonos ás portas da casa consistorial para denunciar, unha vez máis, a vergoñenta e insoportable demora que están a padecer as solicitantes de Axudas de Emerxencia Municipal (AEM). Lembramos que estas, teñen como obxectivo “satisfacer necesidades básicas en relación coa alimentación, o aloxamento ou calquera outra situación que poida supoñer un factor de marxinalidade ou risco de exclusión social”. O atasco de máis de 2000 solicitudes nas dependencias de benestar social está a provocar que a resolución das AEM -que antes resolvíanse en algo máis de sete días- agora alónguense no tempo. Isto deixa a moitas persoas sen respostas a problemas tan graves como: o pago da vivenda ou de subministros básicos, a compra de alimentos básicos...
Por estas razóns, o venres 25 de abril levamos a cabo unha asemblea aberta á que estaban convidados Abel Caballero, Alcalde da cidade, e Isaura Abelairas, Concelleira de Política do Benestar, para que cumpriran coa súa obriga de informar e, sobre todo, de dar solucións. Eles nin acudiron ao evento, nin ofreceron explicacións.
Por iso hoxe achegámonos nós ao concello, para esixirlles ao alcalde e á concelleira que poñan enriba da mesa os recursos necesarios para solucionar dunha vez por todas o “colapso” na tramitación das AEM. Unha mesa e dúas cadeiras acomodamos durante a concentración para recibir as súas solucións. Quedaron baleiras.
Tras a lectura do manifesto e de berrarmos diferentes consignas, un grupo numeroso entrou na lonxa do concello. Do grupo, media ducia de persoas entraron no consistorio e tras esixir falar co alcalde ou coa concelleira de Benestar Social conseguiron manter un encontro coa concelleira. Isaura Abelairas e unha técnica do departamento escoitaron as reivindicacións por boca de tres compañeiras que volveron a por enriba da mesa as duras condicións de vida nas que nos deixan as súas políticas.
Achegamos o manifesto lido no acto:
Manifesto da concentración perante o colapso das Axudas de Emerxencia Municipais
Unha vez máis saímos á rúa convocadas pola ODS-Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social (GAS) para denunciar a situación de total indefensión e precariedade na que as institucións públicas deixan a unha cidadanía cada vez máis empobrecida, vítima dun sistema económico excluínte que impide que dispoña do imprescindible para vivir con dignidade.
Desta vez concentrámonos diante do Concello de Vigo co obxectivo de denunciar a insoportable demora que nas últimas semanas se está a dar na xestión das Axudas de Emerxencia Municipal (AEM), que teñen como obxectivo “satisfacer necesidades básicas en relación coa alimentación, o aloxamento ou calquera outra situación que poida supoñer un factor de marxinalidade ou risco de exclusión social”. Debido ao “colapso” na tramitación destas axudas, na actualidade máis de 2000 unidades de convivencia están a agardar varias semanas ou mesmo meses por unha resolución que ata o de agora non se atrasaba moito máis de sete días, tardanza que tendo en conta a situación de extrema necesidade que padecen as persoas e familias demandantes das AEM resulta cruel e inasumible.
O pasado 25 de abril levamos a cabo unha asemblea aberta en torno a este problema á que estaban convidados Abel Caballero, Alcalde da cidade, e Isaura Abelairas, Concelleira de Política do Benestar, para que cumpriran coa súa obriga de informar e aportar solucións definitivas a este asunto. Sen embargo, nin acudiron ao encontro nin ofreceron explicacións de ningún tipo.
Por iso hoxe achegámonos nós ao concello, precisamente no momento no que está a ter lugar o pleno municipal no que se aprobarán os presupostos para 2014, para esixirlles ao alcalde e á concelleira que poñan enriba da mesa os recursos necesarios para solucionar dunha vez por todas o “colapso” na tramitación das AEM.
Dende a alcaldía repiten ata a saciedade que vivimos nunha cidade fermosa; nós queremos darlle a volta ao seu lema para lembrar que tamén vivimos nunha cidade famenta, na que un número inxente de persoas e familias carecen dos recursos económicos necesarios para facer fronte ás súas necesidades máis elementais: a  alimentación, o pagamento da vivenda ou dos recibos da auga, da luz, do gas... Ante esta realidade ferinte non podemos deixar de reivindicar, no día no que os representantes políticos deciden en que gastarán os cartos públicos, que estes teñen que destinarse con absoluta prioridade a dar unha resposta inmediata e eficaz ao crecente empobrecemento que padece a cidadanía.
Nós agardaremos aquí esta mañá a que o Alcalde ou a Concelleira por fin se decidan a dar a cara e expliquen como van solucionar o atraso na xestión das AEM. E se tampouco hoxe se deciden, seguiremos a esixirlles publicamente que cumpran coa súa obriga de garantir que os recursos cheguen de xeito inmediato ás viguesas e vigueses que tanto as precisan.
Contra a exclusión, redistribución!
Dereitos Sociais para todas!
Renda Básica das iguais, XA!
Vigo, 2 de maio de 2014
Algunhas imaxes da concentración:www.flickr.com/photos/axluar/sets/72157644065839399