border="0"

30.4.11

Carta sobre os cegos para uso dos que ven

“Isto é un chamamento. É dicir que se dirixe aos que o escoitan. Non faremos o esforzo de demostrar, de argumentar, de convencer. Iremos á evidencia

Chamamento e outros fogonazos.

Se a política é a guerra por outros medios, qué lugar queda entón para a economía. Sen dúbida o mellor de todos, o do noso desafecto. Con todo, non é suficiente. A medida que a dominación vai gañando terreo, a economía tende a se volver evidente e sutil por igual.

É por iso que en tempos de crise a atracción polo traballo é máis forte que a atracción por liberarse, solapando de paso un desexo por longo tempo aprazado. A causa da emancipación é a causa nunca resolta até o momento. E todo indica o seu estancamento definitivo de persistir o actual estado de cousas, alí onde reinen as condicións modernas de produción. Nomeadamente por todas partes.

De feito, esas mesmas condicións que fixeron posíbel o advento da ditadura do capital fixeron posíbel a derrota dos seus inimigos declarados. A saber, co triunfo da democracia e en consecuencia do mercado revelouse a súa verdadeira natureza totalitaria, en guerra aberta contra todo e contra todos. Desta maneira debutou a banda sonora da súa vitoria, por sempre repetida até a saciedade.

Así as políticas destinadas a menoscabar os últimos redutos do consenso obteñen como resposta unha vulgar representación estereotipada de nós propias. Un exercicio voluntarista que leva ao extremo as nosas máis íntimas contradicións. Os novos aires de malestar social semellan non traer unha modificación substancial nos nosos comportamentos, se non é favorecendo a súa parte negativa. O gusto por desertar das nosas obrigas no momento presente.

Se o final dunha época perfila no seu ocaso as liñas xerais da que está por chegar, nada habería que dicir dos tempos que se aveciñan que non sexa aterrador. Porque na actualidade estase a experimentar con réximes no ámbito da produción que en nada desmerecen ao universo concentracionario tantas veces recorrente na literatura de anticipación, coa salvedade de que xa non só se trata de palabras senón aínda mellor de feitos. Do perverso uso de sofisticados métodos de encadramento que faciliten prolongar a desolación no medio asalariado. Ese e non outro é o cometido dos últimos asaltos contra a lexislación laboral.

O paradoxo reside en que ninguén parece percibilo. Na súa completa normalidade fóra de toda lóxica. É entón que se fai urxente, por necesario, recapacitar sobre os fundamentos mesmos da ideoloxía do poder, en tanto que ideoloxía e en tanto que poder, para interromper a súa administración sobre a vida das persoas. O perigo de ser engulidos por un mundo que xa deu todo de si só é comparábel ao perigo de formar parte do mesmo no preciso instante do seu afundimento. Negar esta evidencia é negar a posibilidade de se armar sobre as ruínas. As nosas propias ruínas.

Grupo de Axitación Social

Vigo, maio 2011.

26.4.11

Acto de presentación da campaña contra o gasto militar e pola obxección fiscal [26.04.11]

O vindeiro martes 26 de abril dende o Espazo Aberto Antimilitar convídamos a asistir/participar no acto de presentación da campaña contra o gasto militar e pola obxección fiscal 2011.


Este ano a campaña leva por título: “Eles non o farán, fagámolo nós: Recortemos o Gasto Militar" na que animamos a obxectar aos gastos militares na declaración da renda.


A charla será o martes 26 de abril ás 20h30 na Escola Popular Galega (rúa Real, 12 baixo - Vigo). Nela presentaremos a campaña, os datos sobre gasto militar, os destinos propostos para este ano, ademais de ter espazo para resolver as vosas dúbidas sobre OF.

www.nonaogastomilitar.org

“Eles non o farán, fagámolo nós: Recortemos o Gasto Militar”

Un ano máis, dende o Espazo Aberto Antimilitar continuamos cuestionando a existencia do exercito como institución. Tentando manter o debate sobre a súa utilidade e conveniencia, os seus fins e a súa realidade, e denunciando a crecente militarización da sociedade, así como o desproporcionado gasto humano e económico que supón o seu mantemento.

Nun contexto como o actual, de recortes tanto de dereitos, coma de inversións en certos ámbitos (eliminación de subsidios, redución de pensións, perda de poder adquisitivo, etc.) o estado español gastará no ano 2011 uns 2.006 millóns de euros só en armamento; o equivalente a manter 421.910 pensións mínimas todo un ano. Pero en total, os orzamento militares para o ano 2011 no estado español ascenden a 17.244 millóns de euros. Unha inversión un 5% menor á do ano 2010, pero que ven a representar o 4.8% do orzamento total do estado. Un dato que, ademais, debemos confrontar co descenso noutros ministerios, onde se chega a un 15,6% de recortes. E sen esquecer que, un ano tras outro, no sector militar as inversións finais superan dun xeito significativo o orzamentado.

Pero o problema dos gastos militares non é unicamente o desvío cara esta finalidade de fondos (procedentes, non o esquecemos, do noso traballo) que poderían estar sendo invertidos en obxectivos socialmente desexables, senón tamén o emprego que en si mesmos van ter. O Exercito continua a ser, e así será porque está na súa esencia, unha ferramenta dos Estados para intervir noutros territorios, mediante a súa participación en guerras ou ocupacións, de cara a defender e fortalecer os intereses económicos da clase dominante. Aos pasados exemplos de Iraq ou Afganistán, sumamos na actualidade o caso de Libia. Ocupacións todas elas de territorios xeoestratéxica e enerxeticamente cobizados, disfrazadas de supostas intervencións “ humanitarias” que profundan o empeoramento das condicións de vida da poboación civil (cando non provocan directamente a súa morte).

Porén, a actuación do exército non se limita ao exterior das fronteiras legais do Estado, senón que, sumándose ás restantes forzas de represión, é empregado para controlar tamén á poboación propia. Unha realidade esta que, se ben xa a vivimos recentemente coa militarización do espazo aéreo tras a declaración do Estado de Alarma en decembro do ano pasado, farásenos cada vez máis presente nun contexto de crise permanente e degradación universal onde a dominación pretende saír reforzada a toda costa.

Deste xeito, a oposición á persistencia dos exércitos, e ao militarismo en xeral, faise especialmente urxente nestes momentos. E a obxección fiscal é unha das ferramentas para facelo. Porque nos negamos a que un euro máis vaia dirixido a alimentar esta maquinaria.

Espazo Aberto Antimilitar

Vigo, abril 2011

www.nonaogastomilitar.org

Charla: "Autoorganización e loita fronte á exclusión capitalista" [25.02.11]


Venres, 25 de febreiro, ás 20 h. no CS A Cova dos Ratos (r/Romil, 3 baixo) de Vigo:

Charla: "Autoorganización e loita fronte á exclusión capitalista: Cooperativas, Proxectos formativos, Iniciativas de Desenvolvemento Comunitario".

A cargo de:

- Toni e Amalia (Coordinadora de Colectivos Parke Alcosa de Valencia)

- Emiliano Tapia (Asociación Desenvolvemento Comunitario do barrio de Buenos Aires – Salamanca)

- Manolo e Mariajo de Zambra (Asociación de ámbito estatal para o apoio de iniciativas sociais e comunitarias).

Organizan: Grupo de Axitación Social, Oficina de Dereitos Sociais de Coia e Baladre.


Programa do resto do Encontro:

http://odscoia.arkipelagos.net/content/encontro-de-baladre-en-coia-vigo-252627-de-febreiro

Na defensa...das nosas vidas! [27-01-11]

Na defensa...das nosas vidas!

Porque iso é o que está en xogo.

Estásenos a presentar un futuro de afondamento na explotación xa presente.

Cun mercado de traballo onde os mínimos dereitos conseguidos ao longo da historia, serán iso, historia. Onde teremos que vender a nosa forza de traballo durante 40 anos para cobrar una pensión, que se poderá chamar digna, quizais, para quen fai da necesidade unha virtude. E deberemos ter cotizados como mínimo 15, quizais 20, ou xa veremos cantos anos, para ter dereito a unhas migallas.

Non sabemos cantos contratos teremos que acumular para acadar isto no mercado de traballo da precariedade e o libre despedimento. O que si sabemos, porque o estamos a vivir xa, é que será nun entorno de traballo cada vez máis hostil, máis explotador, peor pagado, e onde perderemos incluso a capacidade de decisión sobre a distribución do noso tempo, grazas á implantación de horarios e calendarios “flexíbeis”. Onde non teremos nin sequera xa, nin a posibilidade de conseguir pequenas melloras a través da incidencia nos convenios colectivos.

Neste contexto, apelar á negociación, ao “arrimar o ombreiro”, ou a loitar por ter dereito a facérmonos un oco na engrenaxe deste sistema, supón case ben, un chamamento ao suicidio colectivo.

Os dereitos polos que cabe loitar son, en todo caso, os de non ser explotadas/os. O dereito a ter cubertas as nosas necesidades. A que, entre outros, o acceso á vivenda, á cobertura sanitaria, e incluso a bens absolutamente esenciais como a auga, sexa un dereito, e non un gran negocio. A recuperar a capacidade de decisión e o control sobre as nosas vidas. E a que a propia loita por estes dereitos non sexa reprimida e criminalizada.

A nosa loita non pasa porque nos deixen seguir producindo unha riqueza que, a maiores dos prexuízos causados na súa creación, lonxe de beneficiar ao conxunto da sociedade, é apropiada e malversada por unhas poucas mans.

O noso obxectivo non pode ser convertérmonos nunha peza máis dunha engrenaxe que nos espremerá durante toda a vida.

Senón parala.

Xa.

Grupo de Axitación Social, xaneiro de 2011.

Texto repartido en Vigo durante as manifestacións sindicais do 27 de xaneiro.

Acción en Vigo de cara a Folga Xeral do 27 de xaneiro [01.11]


Nos últimos días varios milleiros de automóbiles, estacionados en diferentes rúas de Vigo, atopáronse cunha inusitada multa nos seus parabrisas. A sanción imposta supón traballar até os 67 anos, con contratos cada vez máis precarios, despedimento libre e barato. En tanto que desempregada aceptar un control exhaustivo ou someterse aínda máis á explotación das ETT´s. Para alén diso cumplir co requisito de ter máis de 15 anos cotizados de cara a cobrar unha mísera pensión computada sobre os últimos 20 ou 25 anos traballados, pagar máis impostos directos e indirectos, esquecerse de subsidios e prestacións ou a perda de cobertura de dereitos sociais como son a educación e a sanidade grazas a súa progresiva privatización. No reverso da multa ábreselle á infractora a posibilidade de recurso mediante a súa participación na folga xeral convocada para o 27 de xaneiro así como unha serie de propostas de accións para as que non poidan secundala.

Esta acción ten como obxectivo a activación social de cara a participación na xornada de loita e folga xeral do 27 de xaneiro. Para quen queira difundir ou facer a acción na súa rúa, barrio, etc. pódese descargar unha copia en A3 (8 multas) dun arquivo listo para imprimir desde a seguinte ligazón: http://www.megaupload.com/?d=JEYAQK0Z

De: http://prod.galiza.indymedia.org/gz/2011/01/25218.shtml




Mesa redonda informativa: Ante as últimas reformas, cales son os nosos dereitos laborais e a cobertura social actual? [20.01.11]

Cunha nova reforma laboral xa aprobada, unha reforma do sistema de pensións en proceso de negociación (con vistas a aprobarse o 28 de xaneiro) e un continúo recorte de prestacións e dereitos sociais, faise patente que se lexisla en contra dos nosos intereses. Por suposto, non somos informadas: Ante as últimas reformas, cales son os nosos dereitos laborais e a cobertura social actual?

Mesa redonda informativa:

- Reforma laboral e das pensións. Novidades introducidas polas reformas e marco de dereitos actual.

Ricardo Castro e Isidro Román, membros do espazo unitario de mobilización social e representantes sindicais.

- Prestacións sociais. Prestacións existentes, requisitios de acceso, e políticas de recorte.

Diego Lores, Oficina de Dereitos Sociais de Coia

Xoves 20 de xaneiro, ás 20:30 h. no Salón Parroquial do Cristo da Vitoria (r/ Baiona nº9, liñas C3,C4A,C4B...)

Organiza: Espazo unitario de mobilización social.