border="0"

13.7.12

03/05 Presentación da campaña de OFGM 2012 no Bou Eva




A xente do Bou Eva (rúa Tercio de Fora 11, ao carón da praza Fdo O Católico) convidounos a presentar a campaña pola Obxección Fiscal aos Gastos Miltares 2012, será hoxe xoves 3 de maio a partires das 20h30.


Se estades interesadas en que presentemos no voso colectivo ou grupo a campaña 2012 pola OFGM non dubidedes en contactar con nós: info[arroba]nonaogastomilitar.org


Non vos esquezades de que para facer OFGM non podedes confirmar o borrador, tedes que facer a declaración impresa!

"Industria militar, un negocio sen crise", charla e presentación da campaña de OF 2012



Desde o Espazo volvemos a promover outro ano máis a campaña pola Obxección Fiscal aos Gastos Militares, que este ano centramos na industria militar: "Pola mesma razón que a industria do turismo necesita turistas, a industria armamentística precisa das guerras, dos conflitos e das amenzas á seguridade para colocar os seus produtos; necesita violencia, medo e mortos".
 
Deste xeito o venres 13 de abril convidamos a que asistades á charla-presentación que leva por título: "Industria militar, un negocio sen crise". Contaremos coa presenza de Jordi Calvo, membro do "Centre d'Estudis per a la Pau JM Delás de Justicia i Pau" que presentará o último informe "La banca armada. Inversiones explosivas de bancos y cajas" ademais de nos falar do negocio da guerra en España.

Ademais o acto servirá para presentar a campaña 2012 pola OF aos Gastos Militares que lanzamos dende o Espazo Aberto Antimilitar.

O acto será o venres 13 abril ás 20h00 na Cova dos Ratos (Romil 3 baixo - Vigo)

Crónica do acto:

O pasado venres 13 de abril o Espazo Aberto Antimilitar presentaba a campaña galega pola Obxección Fiscal aos Gastos Militares, cunha charla sobre a industria militar. Na presentación acompañounos Jordi Calvo, investigador do Centro Delás e autor do último informe sobre banca.
 Comezamos o acto cunha breve presentación da campaña, que como sabedes consiste en á hora de facer a declaración da renda (non confirmedes o borrador) desviar unha porcentaxe de cartos en protesta polos gastos militares. Este ano os destinos que propoñemos son a Asemblea pola defensa do barrio do Cura e a campaña contra os Centros de menores.
Logo da presentación Jordi foi desvelando o papel da industria militar, resaltando que se trata dunha industria parasitaria a cal non deixa de reclamar cartos para o seu funcionamento.

 

Campaña Obxección Fiscal 2012 :: “Industria militar, un negocio sen crise”



No ano 2011, o gasto militar do Estado español ascendeu a 47 millóns de euros… cada día. Case dous millóns de euros á hora, nun país no que a única música que se escoita é a do recorte: recortes en educación, en sanidade, en dereitos, en medios de subsistencia; en vida. Ademais, o Goberno recoñece unha débeda por gastos militares de, polo menos, trinta e seis mil millóns de euros. Xa nos podemos facer unha idea de como se vai pagar.

Esta política de investimento militar non semella que vaia ser modificada polo “novo” Executivo. O actual Ministro de Defensa, Pedro Morenés, foi xa Secretario de Defensa na época do goberno Aznar, momento no que podemos atopar a orixe da débeda antes apuntada e que foi incrementada de xeito entusiasta polos gobernos de Zapatero. Morenés, ademais, é un dos claros exemplos de relación entre gobernos e industria militar, tendo ocupado nos últimos anos o posto de Director Xeral no estado español de MBDA, considerada a segunda empresa máis importante a nivel mundial no deseño, fabricación e venda de mísiles.

De feito, un primeiro estudo dos recén aprobados presupostos xerais para o 2012, evidencia que o Gasto Militarizado sofre un menor recorte orzamentario, tan só un 2%, fronte ao 17% de media. Isto sen esquecer que os presupostos deste gasto adoitan incrementarse 2,4 veces ao final do ano, e que posiblemente moito “gasto militar oculto” non foi aínda cuantificado.

O que si parece seguro é o aumento en material antidisturbios. En xaneiro deste ano anunciouse a adquisición de gases lacrimóxenos e botes de fume á empresa madrileña Falken, por importe de millón e medio de euros (no ano 2007, os gastos neste campo foron de pouco máis de 143.000 euros). Cousas da crise.
E é que precisamente nesta suposta época de “crise” a industria militar (en sentido amplo) española goza de boa saúde, din os expertos (as súas vítimas non, afirmamos nós). O estado español figura no ránking mundial de exportadores de armas, entre o 6º e o 9º posto, dependendo do ano, e tres empresas españolas están no top 100 mundial. A este suceso contribúen os préstamos a longo prazo e sen interese que os diferentes gobernos do estado levan facendo desde o ano 1994 (polo menos).

Armas españolas son as que usa Marrocos contra o pobo saharauí, ou Israel contra o palestino, todo isto nun contexto internacional no que de novo parece que a violencia é a única forma de resolver os conflitos. Así o fixo recentemente a comunidade internacional (o estado español incluído) armando durante anos a Gadafi, para logo facelo mesmo cos seus opositores e apoialos militarmente no seu ascenso ao poder, e agora aproveitan a violencia desatada en Siria para armar a faccións proclives aos intereses occidentais, favorecendo a desestabilización e a guerra civil; mentres sopesan unha intervención militar que en ningún caso vai buscar a protección dos dereitos humanos.

Pero o máis grave, é que sacar beneficios económicos desta violencia, pode chegar a ser visto como algo positivo por parte da poboación e incluso certas organizacións. A creación de emprego estase a converter na xustificación última para calquera cousa. Vale todo. A promesa da creación de postos de traballo ampara leis laborais que eliminan dereitos adquiridos polos traballadores ao longo de douscentos anos, facilita a comisión de estragos ecolóxicos, e incluso consegue que centrais sindicais reclamen carga de traballo para fábricas de armamento (industria á que lle vén un gran futuro), ou que dirixentes políticos acepten e mesmo reclamen a instalación en Trasmirás dunha base de avións non tripulados (“drones”) dos EE.UU. Isto vai un paso mais alá da repugnancia, poderíamos dicir.

E é que non podemos obviar que, pola mesma razón que a industria do turismo necesita turistas, a industria armamentística precisa de guerras, conflitos e ameazas á seguridade para colocar os seus produtos; necesita medo, violencia e mortos...

Vigo, 2012

19 MAIO - Charla: "Xestión da crise, represión e criminalización da protesta"




Interesante acto para os tempos que corren. O sábado 19 de maio ás 20h00 no centro social "A cova dos Ratos" (Romil 3 - Vigo) haberá unha charla co título: "Xestión da crise, represión e criminalización da protesta" a cargo de José Ángel Brandariz - activista e profesor de Dereito Penal na Universidade de A Coruña.

Reforma do Código Penal. Cadea perpetua. Criminalización da mobilización. Xustificación da violencia policial e a Represión...

Nun momento no que os gobernos buscan frear o descontento e as protestas sociais nas rúas, a base de recortar as liberdades civís, resulta máis necesario ca nunca coñecer e reflexionar sobre a blindaxe do estado policial no que xa vivimos.

Organiza: Iniciativa Popular pola Folga Xeral

"Campaña: Cansas de ser invisibles ímonos mostrar!"




As xentes de GAS e da ODS-Coia levamos tempo fartas e cansas de ser invisibles por iso ímonos mostrar!:
Son tempos de expansión do capital que necesita máis espazo para facer medrar as súas ganancias, e nese movemento estase a levar por diante dereitos, espazos públicos, empregos, natureza, vidas...

En Coia, coma noutros tantos barrios e lugares, estamos a vivir os problemas da perda/retroceso de dereitos sociais os cales traen multitude de atrancos e miserias cotiáns: a imposibilidade de chegar a fin de mes, de pagar os recibos da luz, de pagar a vivenda, de atopar traballo, de acceder a coidados básicos, de descansar... en definitiva de vivir cun mínimo de DIGNIDADE.

Levamos tempo cansas de ser sempre as mesmas as que pagamos as consecuencias do capitalismo, e máis aínda cando nos preguntamos:

- En que petos están os nosos cartos se as estatísticas falan de que a renda per cápita para Galiza no 2011 foi de 20.343 €?

- Por que non temos vivenda ou malvivimos nunha que non podemos pagar cando en Vigo hai preto de 20.000 delas desocupadas?

- Quen ten a culpa de que o Estado Español dedique 666 € por persoa a gasto militar cando máis de 400.000 galegas viven baixo o limiar da pobreza?

- Por que o concello de Vigo denega axudas económicas a persoas que non poden facer fronte aos pagos do mes cando se gastaron 85 millóns de euros en facer o Auditorio de Beiramar?
Por iso, como dixeron as compañeiras de Alambique: Cansas de ser invisibles ímonos mostrar!

Mostraremos que os dereitos que se nos recoñecen son insuficientes, que as axudas de carácter social lonxe de favorecer a autonomía son instrumentos de control social. Que estamos estigmatizadas e que se nos criminaliza por estar nas marxes do sistema e por non participar na tolemia consumista.

Mostremos que é este sistema capitalista o culpable de que medre a pobreza, porque só procura facer ás persoas ricas máis ricas, e necesita a ameaza do paro e a exclusión para manter ao resto da poboación coaccionada e obediente. Isto á vez que converte a pobreza/exclusión nunha fonte máis de negocios para macro ONGs, fundacións e “empresas sociais”.

Mostremos que son os gobernos e as institucións as que perpetúan a situación, impoñendo a austeridade económica para as máis desfavorecidas e necesitadas, abandonando e ocultando as persoas migrantes, as dependentes, as enfermas, as maiores, etc. mentres coida, rescata e obedece as grandes multinacionais e a banca.

É o momento de mostrar que nin necesitamos, nin queremos, a unhas elites que nos gobernen, nos exploten e nos empobrezan para perpetuar a  inxustiza xeneralizada, como sistema político e económico.

É o momento de mostrar que a sociedade temos que facela funcionar para o beneficio da maioría, que a riqueza a creamos entre todas, que ten que repartirse de forma que poidamos vivir dignamente con traballo ou sen el e que ten que servir para cubrir as necesidades básicas de todas as persoas.

Vigo, maio 2012
ODS-Coia e GAS

29M Folga Xeral: "Flexiland. Goza do paraíso da flexibilidade"


O vindeiro xoves 29 de marzo hai unha convocatoria de Folga Xeral e baixo o título "Flexiland. Goza do paraíso da flexibilidade. Cambiemos o xogo!" un grupo de xentes e colectivos baixo nome de iniciativa popular pola folga xeral van participar nela cun bloque autónomo.

Este é o texto elaborado e que van repartir na folga:

"Isto é a guerra de clases e a miña, a dos ricos, estaa a gañar".
Warren Buffet, home máis rico do mundo no 2010, e terceira fortuna mundial no 2012.


Eles téñeno claro. Porén, nós continuamos negándonos a ver a realidade.
Aceptamos “auto”rebaixas de salarios; poñer todo o noso tempo a disposición da empresa; ata traballar gratis, ou aceptar situacións de escravitude para cobrar un subsidio de desemprego ao que temos todo o dereito… Sen contar as subas de impostos, os recortes en sanidade, educación, cobertura social, etc. Todo isto porque estamos en crise, e a crise “aféctanos a todas”.

A todas?
A brecha social está medrando a pasos axigantados en toda a Unión Europea, destacando en cabeza o estado español. Neste territorio, 11,5 millóns de persoas atopábanse no 2011 en risco inminente de pobreza e exclusión social. Ese mesmo ano, o sector de luxo creceu un 25% , cunhas vendas de cinco mil millóns de euros.

E é que a crise non é máis que un momento de oportunidade.
Oportunidade para reorganizar o mercado, pero sobre todo para rebaixar as condicións de vida da maioría da poboación, ampliando a marxe de beneficios. Cambiar as regras, para que os mesmos sigan a gañar, e gañen máis.

Por iso, a nosa resposta non pode pasar por suplicar que nos deixen seguir participando do seu xogo. Por facernos un oco na súa Flexilandia da explotación ás costas de botar a quen temos ao lado, veña de onde veña; de ter que marchar nós mesmas a onde sexa necesario; ou de retroceder continuamente un paso tras cara outro atrás, máis aló do recadro de partida.

Non queremos volver ao crecemento económico, ao “estado de benestar”, nin á creación de postos de traballo ás costas de recortar liberdades, destruir o territorio, esquilmar recursos naturais, expoliar países pobres, ou incrementar o investimento en exércitos, cadeas e demais estruturas e forzas represivas.
Non queremos o seu xogo, nin sequera cambiando as regras.

Queremos un xogo onde xoguemos todas e onde todas gañemos. Recuperar a iniciativa da loita diaria na construción do mundo que queremos, e no control das nosas vidas, máis aló da simple defensa perante as súas agresións. 

Aproveitemos nós a KRISE, aproveitemos a oportunidade.

17 MARZO - Mesa aberta: Os "axustes anticrise" a debate


Cun primeiro horizonte de mobilización na folga xeral do 29 de marzo, varios colectivos e persoas organizan unha mesa aberta co seguinte título: Os "axustes anticrise" a debate. 

Nela intervirán:

- Nova reforma laboral. Recorte de dereitos no ámbito do traballo. Isidro Román (militante sindical).

- Recorte de prestacións sociais. Diego Lores (ODS-Coia).

Será o sábado 17 de marzo ás 20h30 na Cova dos Ratos (rúa Romil 3 -Vigo-)