border="0"

13.7.12

Fractura nº1 Transporte Público

O ano 2012 comezou no concello de Vigo cunha suba do 4.27% no prezo do Vitrasa (ademais do 3,8% en taxas e impostos), que nos sitúa como un dos municipios co transporte urbano máis caro. 
As/os usuarias/os de Vitrasa temos que pagar 1,22 euros cada vez que empregamos o servizo; 0,84 coa tarxeta verde. Pero a viaxe sáenos en realidade aínda máis cara, posto que o prezo real é de 1,25 euros. 

A diferenza entre este valor e o prezo bonificado, dámoslla a Vitrasa a través do Concello de Vigo. Máis de nove millóns de euros ao ano. Xusto a cantidade na que parece ser que se reducirán as partidas sociais no orzamento de 2012.

O prezo do transporte urbano en Vigo medra case a mesma taxa que o desemprego na cidade.


Campaña: “Sen dereitos, sen traballo, sen cartos... pero con DIGNIDADE”




Seguen os problemas económicos para a maioría e mecanismos coma a RISGA en Galiza non están a funcionar deixando a persoas e familias na miseria por iso lanzamos esta campaña que leva por título "Sen dereitos, sen traballo, sen cartos... pero con DIGNIDADE":

Chegou o medo e con el unha marea de recortes que están a facer as nosas vidas, se cabe, moito máis difíciles. Unhas vidas que non chegaron a coñecer o estado do benestar e para as que paro, pobreza, precariedade, exclusión... levan sendo compañeiras dende sempre. Malia o costume, estes momentos están marcados pola rapidez na perda de dereitos, unha velocidade que responde ás présas do capital por eliminar toda carga para os seus movementos.

E con isto, os  datos socioeconómicos reflicten as terribles consecuencias que padecen directamente familias ou persoas dos nosos barrios, das nosas familias... Datos que falan da existencia de 24.000 fogares sen ingresos en Galiza e de 55.000 persoas baixo o limiar da pobreza en Vigo ou que hai 274.000 persoas paradas en Galiza, das cales máis de 33.000 en Vigo.

A isto hai que engadir que os mecanismos, chamados de protección social, non funcionan e que non ofrecen solucións efectivas para cubrir as nosas necesidades básicas.

Detendo a nosa ollada na RISGA (Renda de Integración Social de Galiza), que sobre o papel ten a función de garantir o dobre dereito a uns ingresos mínimos en situacións de falta de recursos económicos e o dereito á incorporación social, vemos que cos datos de pobreza referidos só temos 5416 persoas que perciben de media menos de 400€ para pasar o mes.

Pero os problemas son máis que a insuficiencia das contías e a pouca poboación á que chega, por citar algúns deles:
- No que levamos de 2012, é dicir, nos meses de xaneiro e febreiro non se deron novas altas. As mesas da Xunta acumulan expedientes que agardan pola chegada de cartos malia estar resoltos favorablemente.
- Non se respectan os prazos de tramitación. Segundo a lei hai tres meses para resolver dende a solicitude de RISGA. No concello de Vigo as RISGAs agardan máis de 8 meses e dende a Xunta recoñecen que no 2010 o tempo de tramitación e resolución das solicitudes foi de 132 días.

- Endurecemento dos requisitos de acceso e maior celo na revisión dos expedientes. Moitas non chegan a presentar a solicitude desanimadas pola excesiva burocratización e control do proceso, cando o único que buscan é resposta aos seus problemas económicos. E outras ven como nas últimas revisións perden a RISGA, alegando por exemplo incumprimento de proxectos de inserción que apenas cambian para mellor as vidas dos beneficiarios.

- Orzamentos insuficientes. Para o 2012, o orzamento é de 25,2 millóns de euros moito menos que os 38 millóns que van destinar en Asturias ou os 280 millóns euros de Euskadi.

Para rematar, queremos que os atrancos descritos, e vividos por moitas de nós, lonxe de desanimarnos, sirvan para reclamar colectivamente que queremos VIDA e que esta vai máis alá de ter un emprego. Sabemos que mentres esteamos atrapadas neste sistema capitalista, precisamos cartos para vivir.

Pero tamén precisamos a nosa dignidade, para facerlle fronte a esa minoría que nos rouba a riqueza natural que debe ser de todas, que nos priva da riqueza material e intelectual que creamos colectivamente. Por iso animamos a todas as persoas desempregadas, sen subsidios, necesitadas... a pedir a RISGA, porque temos dereito a cubrir minimamente as nosas necesidades básicas, porque debemos visibilizar o empobrecemento que nos provocan as súas políticas antisociais e o seu sistema de producción inhumano, que só se preocupa de explotar ao planeta e as persoas ata o límite, mentres abandona  e exclúe ás que xa non lle son útiles na procura de beneficios.

Pero sempre tendo e conta que as nosas reclamacións van máis alá, tendo como primeira parada a Renda Básica das Iguais, unha ferramenta para o reparto da riqueza, ao servizo da construcción dun mundo máis xusto para todas.

Vigo, marzo 2012
Oficina Dereitos Sociais - Coia (ODS-Coia) e Grupo Axitación Social (G.A.S.)

11.7.12

SE VENDE(N)

A ODS-Coia e o G.A.S. sacamos unha tirada de cartaces que levan por título "SE VENDE(N)" e co seguinte texto:

- Alcalde de Vigo que cobra ao 65.000€/ano máis extras.

- Presidente da Xunta que cobra 72.000€ anuais e declarou ter un patrimonio de medio millón de euros.

(Falamos do que recoñecen claro, do que se levan en negro nunca saberemos nada...)

A OFERTA está dirixida para beneficio: das especuladoras urbanísticas, das empresas turísticas, das grandes multinacionais, de calquera empresa que se beneficie das privatizacións dos servizos públicos, das construtoras (“amigas”dos AVEs, das Humanizacións, dos Auditorios, das Cidades de Xustiza e dos pelotazos en xeral) e especialmente para a Banca sempre e en todo momento!

Pola contra as cargas sociais as sufrimos todas:
- Recortes en centos de millóns en sanidade, educación e servizos sociais.
- 258.000 persoas paradas en Galiza, das cales 31.800 en Vigo.
- 24.000 fogares sen ingresos en Galiza e 55.000 persoas baixo o limiar da pobreza en Vigo.
- 5416 perceptoras de RISGA en Galiza que malviven cunha media de 400€/mes.

Vigo, xaneiro 2012
ODS-Coia e GAS

24.11.11

Xornadas de Crítica ao Progreso en Vigo

Sábado 26 de novembro ás 18:30h.

Presentación da Revista de Pensamento Crítico: "Cul de Sac", a cargo dos seu colectivo editorial.

Revista alacantina "nacida coa intención de abrir un espazo de reflexión, desde o que analizar diferentes aspectos da cuestión social". O seu primeiro número está adicado ao progreso, e o segundo centrarase no control social.

Venres 2 de decembro ás 20h.

Palestra: "Novas ameazas do progreso na Galiza: As plantas de Biomasa", a cargo do Ateneo Libertario Lume Negro de Ponteareas.

As xornadas serán no Centro Social "A Cova dos Ratos" r/Romil,3 Baixo.

Organizan: Grupo de Axitación Social e Distribuidora Lapsus.

20.10.11

Manifestación contra a represión dos movementos sociais na Galiza

DIA 22 DE OUTUBRO AS 18 PM, OBELISCO DE A CORUÑA


Convócase a nivel Galego , unha concentración unitaria en A Coruña, contra a criminalización dos movementos sociais. Este acto unitario amais de server de denuncia da imputación realizada pola subdelegación contra a familia de Diego viña, pretende facerse eco e visibilizar publicamente a persecución levada ao cabo pola subdelegación do goberno coas persoas e colectivos solidarios coas persoas presas, e particularmente cos mais de 70 sancionados/as por acudir a concentración anual celebrada na cadea de Teixeiro. A concentración e convocatoria tamén se fai eco e se solidariza contra toda forma de persecución e criminalización que o estado ao través da subdelegación do goberno esta a facer con colectivos sociais de todo tipo. Dende os grupos ecoloxistas, indignados/as, etc.

Por elo os animamos a participar en estos actos de solidariedade co obxecto de que as protestas non queden silenciadas pola criminalización e persecución que as ameaza.

6.10.11

Fractura Nº0, Outubro de 2011

A “crise” actual (ao igual que aconteceu nas pasadas) é a gran escusa para profundar nas condicións de explotación nas que vivimos.

Rematamos o curso 2010/2011 coa imposición duns recortes en dereitos sociais e laborais que nos fixo retroceder lustros nas nosas condicións de vida.

Pero a maquinaria de “axuste” está moi lonxe de deterse. Polo tanto, consideramos imprescindible facer balance da situación na que nos atopamos, analizar o futuro que se nos pretende construír e tomar posición ao respecto.

Con esta publicación pretendemos contribuír a este proceso de reflexión.

Neste primeiro número, centrámonos nas últimas reformas relacionadas co ámbito laboral, recollendo unha pequena escolma dos aspectos máis destacados das mesmas.

Podedes descargar o arquivo en .pdf dende esta
ligazón.

28.9.11

Na defensa dos nosos dereitos, na defensa das nosas vidas

Malia que os gobernos quérennos convencer repetindo deseguido que a situación económica non se está a traducir en recortes nos servizos públicos nin na coberturas sociais, a realidade que vivimos a maioría de nós deixa exemplos diarios desta perda de dereitos básicos a favor dunha minoría enriquecida que continúa sumando beneficios e mantendo os seus privilexios. Dentro da lóxica dos mercados, semella que poñer en perigo esta xenerosa marxe de beneficios sería moito máis desastroso que calquera tipo de recorte social.

Se detemos as nosas olladas no terreo das prestacións sociais básicas decatámonos da debilidade da súa cobertura. Segundo os datos da Xunta o número de RISGAs é de 5.115, que de media cobrarían algo menos de 400€/mes. O orzamento destinado para este ano é tan só de 22 millóns de euros, para que comparedes o quilómetro das faraónicas obras do AVE a Galiza custa 60 millóns.

En Vigo os datos revelan que ata o mes de agosto había 1.111 perceptoras da RISGA, ás que a Xunta vai dedicar 5 millóns de euros, isto son migallas se o comparamos cos 85 millóns que custou o novo auditorio da cidade no que non cremos que entren as 29.320 persoas paradas da cidade.

Nesta realidade sobradamente vivida e contada temos que engadir:

- Para conceder unha nova RISGA hai que dar unha baixa. Os cartos que dedica a Xunta a prestacións sociais básicas lonxe de medrar -un mísero 3% na partida para este ano- quedan estancados. Pese a que non parar de aumentar os problemas económicos en Galiza, con 22.000 fogares nos que non entra ningún ingreso.

- Deixan de concederse AES para troco de vivenda, co argumento de que en Galiza temos a (im)posibilidade de acollernos a tan efectiva política de vivenda protexida.

- O endurecemento dos requisitos de acceso. A RISGA renóvase anualmente, nestes momentos todas as renovacións míranse con lupa co obxecto de limpala de impostores. Chama a atención o rápido que avanza o discurso de que moitas das perceptoras enganan ou defraudan á administración.

Cando escoitamos verbas coma fraude ou engano gustaríanos que antes se detiveran a mirar datos como o de que as grandes fortunas e empresas evadiron no Estado Español 42.711 millóns de euros no ano 2010. Se a isto engadimos que en Galiza hai 54.000 fortunas e que elas soas teñen nos seus petos 37.500 millóns de euros. As contas saen moi ben, a mágoa é que non a nós, xa que os cartos para que vivamos con dignidade seguen nas mans dunhas poucas.

Mentres rescatan á banca dos seus descalabros por especulacións de alto risco, ou miran cara outro lado ante as grandes empresas defraudadoras, quérennos facer crer que a RISGA só a cobran persoas vagas, e mentirosas que se dedican a defraudar polo que cómpre facer limpeza. Como se os nosos problemas viñeran de que a catro avispadas lles funcionen as súas pequenas trampas e estratexias de supervivencia, pola contra gustaríanos saber como hai que facer para pasar o mes con só 400€.

Aqueles gobernantes que falan de perseguir o fraude nos perceptores de RISGA (e que tremen ante a perspectiva de declarar o seu patrimonio real) gustaríanos miralos facendo cabriolas para estirar 400€ pagando luz, auga, alimentos, vivenda...; posto que a RISGA é incompatible con outros ingresos.

E no caso de Vigo aínda temos que seguir vendo as nosas miserias encarnadas con maior crueza, na situación das persoas sen fogar que continúan sen ter o albergue na escola de hosteleria, mentres o Concello, iso si, pechou o 31 de agosto o piso de inserción para mulleres, demostrando que si hai recortes nos gastos sociais en todas as administracións públicas.

E isto fai que á oficina achéguense cada vez máis persoas/familias agobiadas pola acumulación de facturas sen pagar de auga-luz-gas, con débedas de vivenda que moitas veces rematan en desahucio, etc. Todo mentres agardan meses e meses polas escasas axudas sociais ou na mellor das situacións tiran dos lazos familiares e sociais que aínda persisten, malia a debilidade das relacións comunitarias.

Cunha situación na que cada mes aumenta o número das persoas desempregadas e empobrecidas, é urxente corrixir os beneficios das multinacionais, da Banca e das grandes fortunas. A riqueza que xeramos socialmente e que unhas poucas usurpan para si, debe recuperarse para facer fronte ás crecentes necesidades sociais.
En resumo, estamos sobrevivindo coa que está a caer pero ata cando...

Vigo, setembro 2011

Grupo Axitación Social (GAS) e Oficina Dereitos Sociais - Coia (ODS-Coia)

Fontes: Instituto Galego de Estatística (IGE) - Consellería de Traballo e Benestar - Instituto Nacional de Estadística (INE) - Sindicato de Técnicos del ministerio de Hacienda - Axencia Tributaria