skip to main |
skip to sidebar
Con motivo do primeiro de maio o Grupo Axitación Social, a Asociación Caleidoskopio o L.S. Revolta, a A.X. Luar e persoas do Ateneo Libertario, do GAIM e do movemento independentista decidimos apoiar unha iniciativa baixo o nome de “Precarias en Loita”, de cara a visibilizar a precariedade xeneralizada na nosa sociedade tanto no campo laboral como no social e para reivindicar Dereitos Sociais.
Para elo convocamos a facer un bloque precario na manifestación conxunta da CGT/CUT que sairá o 1 de maio ás 11h desde a Praza Fdo. O Católico.
Independentemente de que sexamos persoas traballadoras, migrantes, paradas, estudantes, xubiladas, amas de casa; as nosas vidas, convertéronse en parte do sistema de produción, o cal se apropia dos coñecementos xerados pola sociedade, patenta patrimonios xenéticos, convértenos en consumidoras en lugar de cidadáns, destrúe o noso medio ambiente coa escusa do progreso, especula co territorio urbanizando, creando unha falsa necesidade de infraestruturas, dilapida os recursos naturais fundamentais para a vida e encarece os recursos imprescindíbeis da sociedade moderna (electricidade, gas, auga, información...); monetariza relacións sociais fundamentais para o funcionamento da sociedade como os coidados, o lecer, o sexo, etc.
Nada se escapa ao control do capitalismo que se apropia do noso tempo e fai que todo entre na súa maquinaria. Este sistema imponnos a inseguridade respecto as nosas necesidades vitais para que aceptemos condicións laborais e sociais cada vez peores como única forma de subsistir. A nova Reforma Laboral ou a directiva Bolkenstein, non son máis que últimos capítulos dunha modernización da economía e o mercado de traballo sustentados na precariedade e na flexibilidade, iniciada a nivel europeo e que se construíu a través das sucesivas reformas laborais.
A loita contra estas manifestacións máis extremas da explotación é o que podería servir de revulsivo para recuperar a senda da mobilización, non só cunha finalidade defensiva senón que nós permitise conquerir novos dereitos sociais acordes coas novas necesidades, máis alá do dereito a ser explotados nun traballo que na maioría dos casos non satisface máis necesidade para a sociedade que aumentar os beneficios empresariais.
Precisamos condicións laborais dignas para subsistir, pero o que de verdade nos fai libres é ter recursos suficientes para vivir dignamente, o dereito real a acceder a unha vivenda, a desprazarnos gratis por algo máis que as necesidades empresariais, unha educación e unha sanidade que respondan realmente as necesidades da sociedade, información, comunicación e cultura libres e ao alcance de todas, un territorio xestionado tendo en conta as necesidades reais da cidadanía e afastado da lóxica dun progreso que só se mide nos beneficios económicos que xenera...
Por isto resistimos e rebelámonos. Non aceptamos a lóxica da represión instaurada en Galiza fundada na criminilazación contra toda disidencia; non aceptamos a Europa fortaleza que levanta fronteiras interiores e exteriores que converte as persoas en ilegais, e condea a miles á morte no seu intento de chegar a este “primeiro mundo”, non aceptamos un sistema que crea pobreza, marxinalidade e criminalidade, que só ofrece como solución o control social, constrúe máis cárceres, contrata máis forzas de seguridade, endurece penas e crea leis de control en internet, recorta dereitos e fomenta o racismo. Precisamos reconstruír os vínculos sociais que o capital destrúe e construír a comunidade das persoas precarias fundada na solidariedade e a autoorganización. Todas a rúa polos Dereitos Sociais.
Precarias en loita
Mentres a publicidade estatal insiste en vendernos un exército de tipo humanitario, garante dos dereitos individuais e da igualdade, a actualidade amósanos unha perspectiva ben diferente: as intervencións militares en Haití, Afganistán, Iraq; a militarización das fronteiras de Ceuta e Melilla; as aparicións públicas de altos cargos do exército nos debates do Estatut catalán, etc; desminten esa pretendida imaxe do exército, e só remitíndonos á situación no estado español.
O gasto militar segue incrementándose ano tras ano, mentres a situación social se deteriora cada día máis. Recursos económicos, sociais, científicos, se dilapidan nunha presunta defensa nacional, e néganse á sanidade, á educación, a rendas de integración, a pensións,...
Os centos de millóns de euros irracionalmente gastados en armas, no exército, na investigación militar, lonxe de aumentar a seguridade das persoas e dos pobos, supoñen un risco para a existencia da vida e do mesmo planeta. As industrias armamentísticas aumentan os seus beneficios a costa da miseria, da fame e da morte de milleiros de persoas.
Nós non queremos participar nisto. Negámonos a ser cómplices, a colaborar co mantemento do exército e do que significa, rexeitamos a militarización da sociedade e a imposición da lei do máis forte nas relacións entre as nacións.
Poucas veces temos ocasión de deixar clara a nosa postura, de facer patente o noso desacordo. A nosa declaración da renda pode ser unha desas escasas ocasións.
Por iso, declarámonos obxectores fiscais aos gastos militares.
¿Qué é a Obxección Fiscal?
A Obxección Fiscal (OF) é un acto de Desobediencia Civil que consiste en, á hora de facer a Declaración da Renda, non pagar ao Estado o diñeiro que este dedica á guerra e á sua preparación. A OF non supón evadir impostos, senón desviar cara proxectos sociais a cantidade que sería destinada a fins militares.
Aínda que non teñamos a obriga de pagar o IRPF, tod@s pagamos impostos cos que, queramos ou non, se financia o militarismo. Do mesmo modo, a Obxección Fiscal podemo-la fazer tod@s. E, se non queremos recorrer á OF, aínda podemos reclamar do goberno que o direito a non colaborar cos gastos militares sexa recoñecido e respeitado.
Coordinadora Galega pola Obxección Fiscal
"Medios de comunicación alternativos para unha sociedade civil organizada" a cargo de Gemma Ubasart, fundadora da Assamblea per la Comunicació Social de Barcelona.
A Coruña: CSA "A Treu!" venres 23 ás 20:30. Vigo: CSA "A Cova dos ratos" sábado 24 ás 20:30
Gemma Ubasart, analisará a evolución nos últimos anos de mediactivismo, desde a etapa das radios libres ao momento da apropiación das redes telemáticas e teles-libres.
A ACS xorde da vontade común de diversos colectivos de Catalunya en favor da xestión e a propiedade colectivas dos medios de comunicación. A súa campaña Okupem les Ones (Okupemos as Ondas) pretende incidir no panorama mediático actual mediante a creación de teles e radios libres participativas.
Fronte a nova LLei do Audiovisual, desde a ACS se esixe o recoñecemento do Terceiro Sector Audiovisual, nin público-institucional nin privado-comercial senón en mans da cidadanía e os movementos sociais.
A Tele da ACS emite en analóxico no canal 52 de Barcelona desde xaneiro do 2005.
http://www.okupemlesones.org/
Organizan: GAS e Caleidoskopio
APASIONANTE PARTIDO:
S.D. “AS PRECARIAS" VS. REFORMA LABORAL/CAPITALISMO GLOBAL
A Sociedade Deportiva "As Precarias" é o único equipo de primeiro nivel que non conta con millonarias nas súas filas, pero desde logo somos millóns as persoas socias e xogadoras que formamos parte del.
Son moitas as virtudes deste equipo: a Renda Básica, os dereitos laborais, a vivenda digna, a loita contra a represión e o cárcere, a liberdade de circulación sen fronteiras, a autoxestión, a horizontalidade, a prensa alternativa, os servizos públicos, os Dereitos Sociais, etc.
Pero tamén son moitas as armas dos rivais: a produtividade, a flexibilidade, as empresas de traballo temporal, a especulación inmobiliaria, as deslocalizacións de empresas, as fronteiras blindadas, a loita contra o terrorismo, as promesas políticas, os medios de comunicación, etc
Tampouco hai que esquecer as novas fichaxes que pretende impoñer Goberno, Patronal e CCOO/UXT. A Reforma Laboral é un equipo para competir en “Europa”, e para iso, precisan profundar aínda máis no neoliberalismo e a precarización da existencia: reducir de 45 a 33 días por ano traballado a indemnización por despedimento na contratación indefinida, potenciar as ETT´s, fomentar as redes de contratas e subcontratas dispersando así a responsabilidade última das empresas para coa xente que traballa nelas, abaratar o despedimento e eliminar o control xudicial sobre os despedimentos individuais, reducir a cotización á Seguridade Social dos empresarios e, deste xeito,“quen máis ten que pague menos”...
Este é un partido que xogamos todo o ano, pero hai momentos onde non queda outra que defender a portería contra esta nova Reforma Laboral, e atacar e atacar coas nosas propias propostas... Para gañar non nos poden enganar coa promesa de que a reforma traerá pleno emprego ou novos contratos indefinidos.
O sistema actual de produción (as regras deste partido) non admite na realidade o pleno emprego, nin un reparto xusto da riqueza xenerada. Basea o seu funcionamento na existencia de sectores empobrecidos ou situacións ilegais. Os nosos rivais pretenden xustificar os recortes de dereitos na búsqueda da imposíbel harmonía entre a seguridade das traballadoras e a flexibilidade para as empresas.
O vello lema estatal de que sacrificándonos todas polo crecemento económico redundaría en beneficios para a sociedade, xa non se sostén; os beneficios empresariais non xeneran máis postos de traballo. O único que reparten con nós a banca e as empresas é a miseria e o lixo que xeneran.
Que prezo ambiental e social estamos pagando?, e só, para crear uns poucos
empregos, cando a maioría non responden ás necesidades da sociedade, senón ao mercado do traballo (somos un ben máis co que especular). O que queremos nós é que se impoña un reparto da riqueza.
As empresas só saben competir a base de reducir os costes laborais; sectores enteiros dependen para subsistir da situación de precariedade e neoescravitude. Quen pode esperar un compromiso a longo prazo coas mafias da construción, hostalaría, agricultura, mercadotecnia ou dos servizos en xeral? O único que queremos mentres traballamos para elas é que nos paguen salarios xustos e que se respecten os nosos dereitos.
Tampouco o emprego indefinido (se é que siginifica algo agora que o despedimento é tan barato) nos salva da precariedade vital, de estar ao borde da pobreza se algo se torce, da falta de vivenda accesíbel (dobres hipotécas, aluguementos que son unha auténtica sangría). Non nos salva de que servizos fundamentais como a luz, a auga ou o gas se estean cobrando a prezos exorbitados, nin de que o transporte se convirta nun luxo máis, nin de que a sanidade ou a educación estean cada vez máis privatizadas.
Nós sabemos en que equipa xogamos, non imos aceptar a lóxica da competitividade para que as “nosas” empresas sexan prósperas. Non imos aceptar a lóxica de afogar e explotar ao terceiro mundo para logo poñer trabas aos “danos colaterais” das que tentan escapar a tanta pobreza e morte migrando ao primeiro mundo para ser traballadoras semi-escravas con menos dereitos por ser de fóra. Nin imos aceptar ser enfrontados a elas como competidoras por postos de traballo asquerosos, para forzar que aceptemos salarios que elas aceptan só porque non teñen outra opción. Tampouco aceptamos a flexibilidade que nos queren impor, a obriga de deixar a nosa vida, a nosa cidade, deixar Galiza, por necesidades económicas ou das empresas.
A nova reforma tampouco vai evitar a sangría actual de galegar que migran sobre todo dentro do estado, para evitalo non só deberiamos aumentar a produtividade sen límite, senón que deberiamos renunciar aos dereitos humanos básicos (non quedar embarazadas, non enfermar, non descansar...).
Por todo isto, queremos que se vexa a equipo das persoas precarias, orgullosas de xogar este partido contra a reforma laboral, polo reparto do traballo para quen o queira e polos dereitos sociais para todas (vivenda, renda básica, transporte, liberdade de movementos...).
A S.D. “As Precarias”, é unha selección de persoas galegas que sofren a precariedade vital, que teñen que emigrar, que so optan a empregos basura, que morren cada día en accidentes laborais,que viñeron de moi lonxe para esixir a cidadanía global, que saben que a riqueza a crea a sociedade e ten que ser repartida con xustiza, que teñen dereito a unha vivenda digna,que saben que a cultura é libre e é de todas, en definitiva que quere máis xustiza, máis dereitos e máis liberdade .
Grupo de Axitación Social
Para baixar en Pdf : http://galiza.indymedia.org/media/2006/03//6570.pdf
Con motivo da feria medieval da "Arribada de Baiona", varios colectivos decidimos facer unha acción que chamase á reflexión sobre o que supuso a conquista de América e o colonialismo económico que todavía perdura. Fumos o GAIM e Ateneo Libertario Lume Negro, Asemblea Anti-Imperialista, GAS e COSAL.
Ás cinco da tarde do sábado 4 de marzo, unha vintena de indíxenas encadeadas e vixiadas por dous soldados do imperio conquistador de América e por un bispo moi preocupado pola salvación das súas almas pero pouco polo seu benestar terrenal, fixeron a travesía a pe desde Sabarís ate Baiona (onde se celebraba a Arribada da carabela “Pinta” a este porto fai cinco séculos http://www.baiona.org/?60005,1).
Unha vez chegadas a Baiona, a comitiva percorreu as ateigadas rúas sorteando á “nobreza local” e os postos de comida e artesanía, para unha vez na praza do Concello, proceder á venda das indíxenas como escravas entre as persoas asistentes.
Tras un novo percorrido pola rúas do casco histórico de Baiona, voltamos á debandita praza do Concello para ler o comunicado do acto:
XENOCIDIO, ESCRAVITUDE, RESISTENCIA
A Arribada: o 1 de marzo de 1493, a Pinta chega ás praias de Baiona. Pinzón e os seus mariñeiros traen mostras do Novo Mundo. Tesouros, millo, cacatúas..., e indios.
Mercadorías e animais para o saqueo. Comeza daquela a gran orxía do nacente capitalismo: 90 millóns de indíxenas serán escravizados e exterminados coa bendición da Igrexa. Do millón largo de persoas que viven en Nicaragua a comezos do século XVI, só 10 mil quedaban 60 anos máis tarde. Os indios son cazados e exportados para traballar ata morrer nas minas de mercurio de Huancavelica, nas de prata de Potosí.
As epidemias provocadas por enfermidades levadas de España completan o holocausto. O historiador López de Gomara dicía que naqueles tempos os homes de Nicaragua “no dormían con sus mujeres para que no pariesen esclavos de españoles.”
As poboacións orixinarias de Cuba, Haití e outras foron aniquiladas do mesmo xeito e relevadas por africanos. 20 millóns de homes e mulleres sacados á forza do continente negro e vendidos en América como animais de traballo. Tanta dor, tanta riqueza arrincada a punta de cruz e espada só para financiar inútiles guerras de cen anos en Europa, para que a Corte española e os podentes da aristocracia e a Igrexa vivisen a todo luxo.
513 anos despois, a Arribada continúa. Cargamentos de traballadores americanos, africanos, asiáticos desembarcan nas pateras da escravitude moderna; grandes empresas españolas implántanse en América Latina para saquear as súas riquezas. O xenocidio e a opresión continúan; pero novas ondas de resistencia que reclaman o noso apoio érguense para barrer da pachamama este capitalismo final, tanto máis sanguinario canto máis decadente.
Grupo de Apoio ás Indíxenas Magonistas e Ateneo Libertario Lume Negro -Assemblea Anti-Imperialista-Grupo Axitación Social-COmites de Solidariedade con América Latina.
Proba da violencia do “descubrimento de América” foi o cadáver indíxena que a comitiva transportou durante toda a tarde, ademais repartíronse mil panfletos e berráronse lemas como: “Os descubridores, son uns xenocidas”, “Alerta, Alerta que camina, a loita antiimperialista en América Latina” “A festa da arribada, celebra unha matanza”, etc.
+ Fotos en: http://galiza.indymedia.org/pt/2006/03/6394.shtml
Organizadas por Caleidoskopio, Grupo Axitación Social, Da Deriva, Asociación Alto Minho e A Treu, serán o 1 de maroz en Lugo, o 2 en A Coruña e o 3 Vigo.
Charla: “Intervención Comunitaria e Economía Social”
Mércores 1 de marzo en Lugo, no Local Social Alto Minho, Rua Catassol,15
Xoves 2 de marzo en A Coruña, no Local Social "A Treu" Trav. S.Xosé,2
Venres 3 de marzo en Vigo, no Centro Social "A Cova dos Ratos" Rua Romil,3 Baixo
Cun exemplo de Arxentina, a cargo de Patricia Durán que é educadora social e piquetera, membro do MTD de Almirante Brown (Bos Aires) onde colabora en actividades productivas da súa comunidade e nos diferentes proxectos de comunicación.
E un exemplo do estado español,Toni Valero da Koordinadora de Kolectivos do Parke Alcosa (Barrio dormitorio de Valencia). Este é un proxecto que cumpre agora 20 anos, nel realízanse actividades de carácter social e cultural de todo tipo, ademais de programas de atención social baseados no apoio mutuo, a destacar o apoio a iniciativas de emprego coa creación de Cooperativas de Carácter Social para a limpeza viaria, reciclaxe, electrónica, animación, limpeza en seco, montaxe de rodas, etc.
Organizada por Caleidoskopio e Grupo Axitación Social, será o xoves 16 de febreiro ás 20:30 no CSA "A Cova dos Ratos" r/Romil,3 Baixo.