border="0"

22.7.14

Escola Social de Verán, en movemento: Sempre en Paro, nunca PARADAS!


Ao longo dos trinta anos de existencia do espazo de coordinación Baladre, as xentes que o conformamos sentimos a formación como algo central nas nosas formas de facer política. Formarnos entre iguais para comprender e actuar, compartir as nosas preocupacións e afondar nas análises sobre as nosas realidades.

Este verán, volveremos a por en marcha ese espazo autoxestionado de coñecemento mutuo, relación e reflexión para a acción social en forma de Caravana/Marcha. Entendendo que viaxar e pararnos a pé de rúa polos diferentes territorios onde día a día articulamos as nosas loitas anticapitalistas e antipatriarcais, que para moitas é unha experiencia vivencial sen igual. Desta volta, estaremos polo norte da península, enredando con xentes inquietas desde Barakaldo até o barrio de Coia, en Vigo, durante os días 20 ao 24 de xullo.

Concretamente, en Galiza estaremos os días 23 e 24 reflexionando sobre o dereito a autoderterminación dos nosos corpos, vidas e territorios e tratando de coñecer mais de preto a situacións de represión e criminalización dos movementos sociais para pensar xuntas estratexias de colaboración e apoio internacionalista. Tamén os procesos de xentrificación e expulsión da poboación empobrecida nos centros urbanos sometidos á lóxica e aos intereses especulativos, como está a pasar en Vigo, ou as agresións ao dereito básico de acceso á vivenda e aos espazos públicos, que se está a vivir no barrio de Carranza en Ferrol, nos interpelan a buscar respostas conxuntas de resistencia.

Convidámosvos pois a participar nestas xornadas que en Vigo se desenvolverán en Coia, o día 24, nos locais da parroquia do Cristo da Victoria, co seguinte programa:

10:00 – 11:30: Represión e cadea. Locais da parroquia Cristo da Victoria.

12:00 – Concentración polos dereitos sociais no Concello de Vigo.

14:00 – Xantar comunitario nos locais da parroquia Cristo da Victoria.

16:00 – Roteiro ata o Parque de A Bouza.

16:30 a 18:30 – Os nosos Barrios, as nosas loitas. Na carballeira do parque de A Bouza.

Para máis información e o programa completo da Escola Social:

14.7.14

Crónica das Xornadas "25 anos de insubmisión. 25 anos desobedecendo"

No mes de xuño, con motivo do 25º aniversario do Movemento de Obxección de Conciencia” celebráronse as Xornadas "25 anos de insubmisión. 25 anos desobedecendo" organizadas polo Espazo Aberto Antimilitar.
Ao longo de todo o mes tivemos a oportunidade de achegarnos a diversos aspectos da loita antimilitarista ‒abordada desde diferentes perspectivas‒ e á interacción do antimilitarismo con outras loitas e estratexias de desobediencia.
A programación das xornadas incluíu unha proxección documental e diferentes mesas redondas e charlas. Agás a proxección, as restantes actividades tiveron lugar cada sábado do mes. Ademais, as xornadas contaron cunha exposición sobre o movemento de insubmisión en Vigo feita con material orixinal do MOC. Dita exposición permaneceu, do 3 ao 21 de xuño no CSA A Cova dos Ratos e, posteriormente, do 23 ao 28 de xuño, no CS A Revolta.
O xoves 5 de xuño dáse comezo ás xornadas coa proxección do documental "20 años desobedeciendo". Trátase dun vídeo realizado polo colectivo KEM-MOC de Bilbao en 2009 para conmemorar, naquel ano, o 20º aniversario do Movemento de Obxección de Conciencia. O documental revisa a historia do movemento obxector e relata os pasos da loita antimilitarista no estado español a través das diferentes accións de desobediencia.
O sábado 7 de xuño tivo lugar unha mesa redonda "25 anos de insubmisión en Galiza" que contou coa participación de tres insubmisos galegos: Antón Arranz, Manolo Pipas e Joseph Ghanime.
As persoas asistentes puidemos coñecer a experiencia persoal destes insubmisos a través do relato das súas vivencias, de como se achegaron á obxección de conciencia e das consecuencias que tivo. Unha visión retrospectiva e particular do que supuxo o movemento de obxección e do que quedou del na loita antimilitarista.
O sábado 14 de xuño contamos coa presenza de José Ángel Brandariz, profesor de Dereito Penal da Universidade da Coruña (UDC) e antigo membro do MOC, para falar sobre "A desobediencia civil contra o Estado e a criminalización da protesta".
Nesta charla o convidado aborda a desobediencia desde as súas orixes, citando o coñecido ensaio do estadounidense Henry David Thoreau A desobediencia civil (1849). Unha revisión da desobediencia na que se cuestiona a súa natureza reformista, a súa esencia neoliberal; unha revisión que abrangue diferentes tipos de desobediencia. O acto desobediente motivado por principios éticos, políticos ou sociais e usado como unha ferramenta para manifestar desconformidade, para incidir socialmente é tentar suprimir algún aspecto concreto de algo. Nesta reflexión apareceron ademais outros movementos de desobediencia, non só a obxección de conciencia que nos ocupa nestas xornadas, senón tamén o movemento Occupy Wall Street ou o 15-M, entre outros.
O sábado 21 de xuño celebrouse a mesa redonda "Estratexias de desobediencia actuais: okupación, desobediencia ao patriarcado, obxección fiscal". Estaba prevista a participación de compañeiras de tres colectivos: o CSO Palavea para falar da okupación, a Rede Feminista Galega para tratar a loita antipatriarcal e o Espazo Aberto Antimilitar para abordar a obxección fiscal; porén, imprevistos de última hora impediron a asistencia da compañeira da Rede Feminista Galega.
En representación do CSO Palavea contamos coa presenza de Raquel, quen expuxo polo miúdo en que consistiu este proxecto de okupación, desde a súa orixe até o desaloxo. Centrouse especialmente na dinámica do centro social: as actividades desenvolvidas, os conflitos e a negociación de problemas relacionados coa convivencia e a xestión do espazo etc. A idea era ofrecer unha visión realista, desde dentro, desde a implicación no proxecto e baseada na experiencia práctica. En menor medida desenvolveuse o tema principal, a okupación como estratexia de desobediencia.
Posteriormente, interveu o compañeiro Carlos do Espazo Aberto Antimilitar, quen abordou a obxección fiscal como estratexia desobediente para expresar a negativa a contribuír co gasto militar e, nun sentido amplo, expresar o rexeitamento do militarismo.
Tras estas intervencións, participaron moitas das asistentes á mesa redonda.
O sábado 28 de xuño desenvolveuse a derradeira charla das xornadas “Presente e perspectivas de futuro do antimilitarismo” a cargo de Pablo San José, membro do Grupo Antimilitarista Tortuga.
O convidado introduciu o tema facendo un pequeno repaso histórico que abranguía os primeiros insubmisos antimilitaristas, a creación do Movemento de Obxección de Conciencia, a desigual punición da insubmisión segundo a área do Estado etc. A abolición do servizo militar obrigatorio foi un feito determinante para o antimilitarismo, pois se ben pode observarse como unha vitoria, froito da presión do movemento obxector, para moitas persoas acabar co servizo militar obrigatorio era un fin en si mesmo. En consecuencia, unha vez conseguido, significou o abandono do movemento antimilitarista e durante estas décadas o antimilitarismo foi perdendo presenza social e adhesións.
En canto ao futuro da loita antimilitar, o convidado ten unha visión realmente pesimista: o antimilitarismo como movemento parece abocado á súa lenta desaparición. Recoñécese que o discurso ten pouco calado na sociedade e que reactivar a loita precisa dunha nova linguaxe e da interacción con outros movementos, pois o antimilitarismo non pode disociarse da busca doutro modelo de sociedade.
Entre as asistentes había casualmente dúas persoas pertencentes ao MOC de Bilbao que viñeran a Galicia por outros motivos. No debate posterior á charla participaron contándonos a vitalidade do movemento en Bilbao e as diferentes accións antimilitaristas que alí se están levando a cabo.

Foto Denuncia contra a especulación e xentrificación na Zona Vella de Vigo


Animámoste a participar nesta campaña colectiva contra a especulación e a xentrificación, enviando fotos (ata o 30 de setembro) deste proceso de transformación económica do barrio para crear entre todas unha exposición fotográfica de denuncia colectiva.

Podes enviar as fotos a xentrificacionvigo@gmail.com ou ben subíndoas ao facebook e partillalas co perfil de Xentrificación Vigo.

Máis info en: http://xentrificacionvigo.blogspot.com.es/2014/07/foto-denuncia-contra-especulacion-e.html

18/07 - Recollida de sinaturas da ILP pola Renda Básica no Calvario


Volvemos ás rúas para seguir coa recollida de sinaturas da ILP pola Renda Básica. Esta vez será o barrio do Calvario o lugar escollido para montar unha mesa de recollida de firmas da ILP.
venres 18 de xullo as xentes da ODS-Coia, do G.A.S. e da parroquia do Cristo da Victoria estaremos diante do Mercado do Calvario (rúa Urzáiz 183) ofrecendo información sobre esta iniciativa e recollendo sinaturas de todas aquelas persoas. A mesa estará dende as 17:00 ata as 20:00.
A proposta de Renda Básica que vai no texto da ILP establece o dereito de toda persoa a recibir unha cantidade periódica que cubra as súas necesidades básicas. Constitúese como un dereito individual, universal e incondicional. A contía da Renda Básica será a equivalente ao limiar da pobreza, é dicir, de 645,33 € tomando datos de 2013.

Actos pola ILP da Renda Básica nos que participamos en xuño e xullo 2014

Na mañá do 27 de xuño, a ODS-Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e GAS concentrámonos xunto a entrada do Concello de Vigo para continuar coa campaña de recollida de sinaturas para a Iniciativa Lexislativa Popular pola Renda Básica. De 10h00 a 13h00 non pararon de achegarse persoas que apoiaron esta iniciativa coas súas sinaturas.
No acto pretendiamos informar á cidadanía sobre a alternativa real que supón a Renda Básica coma instrumento transformador de loita contra a pobreza e de xustiza social, e tamén denunciar publicamente a situación de total indefensión e precariedade na que as institucións públicas deixan a unha poboación cada vez máis empobrecida, vítima dun sistema económico excluínte que impide que dispoña do imprescindible para vivir con dignidade. Por iso escollemos o lema “Fronte á esmola do Cheque Social esiximos dereitos: Renda Básica!”: porque queremos lembrar que fronte á realidade de terrible inxustiza social que está a padecer a cidadanía, as respostas do Concello de Vigo, e tamén da Xunta de Galicia, están a ser parciais e ineficaces.
O vindeiro venres 4 volveremos á rúa, desta vez na rúa Príncipe de 18h00 a 20h00, para continuar coa recollida, porén a xente que estea interesada en asinar o pode facer tamén na ODS-Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Victoria (Baiona 9, Coia – Vigo), todos os luns de 17h00 a 19h00.
O venres 4 de xullo, xentes da ODS-Coia, da Parroquia Cristo da Victoria e de GAS concentrámonos na rúa do Príncipe, xunto ao MARCO, para continuar coa campaña de recollida de sinaturas para a Iniciativa Lexislativa Popular pola Renda Básica. De 18h00 a 20h00 non pararon de achegarse persoas que apoiaron esta iniciativa coas súas sinaturas.
Achegamos fotos e tamén o texto que elaboramos para o acto:
Hoxe concentrámonos na rúa do Príncipe convocadas pola Oficina de Dereitos Sociais de Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social (GAS) co obxectivo de continuar coa recollida de sinaturas da Iniciativa Lexislativa Popular pola Renda Básica. Trátase, sobre todo, de informar á cidadanía sobre a alternativa real que supón a Renda Básica coma instrumento transformador de loita contra a pobreza e de xustiza social, pero tamén, coma moitas outras veces, de saír á rúa para denunciar publicamente a situación de total indefensión e precariedade na que as institucións públicas deixan a unha poboación cada vez máis empobrecida, vítima dun sistema económico excluínte que impide que dispoña do imprescindible para vivir con dignidade.
As cifras son so cifras, e pouco poden dicir dos auténticos dramas persoais que agachan detrás, pero non menten. Medra día a día o número de persoas e familias que viven (ou malviven) por baixo do limiar da pobreza (máis do 20% da poboación estatal, segundo a Enquisa de Condicións de Vida realizada en 2013 polo Instituto Nacional de Estatística). Pero do mesmo xeito medra sen descanso o número de ricos: 1625 persoas cun patrimonio superior aos 23 millóns de euros, o que supón un 7% máis que o ano anterior. A riqueza común, en fin, acumulada nas mans dun poucos, mentres unha crecente porcentaxe da poboación carece do máis elemental.
Fronte a estas cifras que falan con claridade da inxustiza social, as solucións existen e veñen da man da cidadanía que se organiza e busca alternativas para unha vida digna.
Deste esforzo colectivo e do convencemento de que é imprescindible comezar por un real reparto da renda e da riqueza, nace a campaña de recollida de sinaturas da INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR POR UNHA RENDA BÁSICA ESTATAL.
Concibimos a Renda Básica como un instrumento de erradicación da pobreza, un mecanismo de repartición da riqueza e distribución da renda, que pode dar seguridade económica á poboación; que permite iniciar outros modos de vida, fomenta a igualdade de xénero e contribúe a eliminar os estigmas sociais. A Renda Básica pode ser o piar do novo sistema de benestar e un instrumento útil para defenderse da deterioración das condicións de vida que impón o capitalismo global.
A Renda Básica que defendemos non é unha esmola, nin unha prestación asistencial, nin un salario de pobres, senón un dereito inherente á condición de persoas, un dereito coas características de individualidade, universalidade e incondicionalidade.
A ILP pola Renda Básica pretende ser unha ferramenta para sacar da intemperie a milleiros de persoas, mais tamén para combater o medo e a desmobilización social. “Non hai pan para tanto chourizo” berrouse con carraxe nas prazas. Si hai e debe haber recursos para garantir unha vida austera, pero digna, a todas as persoas.
Por todo o exposto, presentamos esta ILP que establece o dereito á Renda Básica, é dicir, o dereito de toda persoa a recibir unha cantidade periódica que cubra as súas necesidades básicas; un dereito individual, universal e incondicional, cunha contía equivalente ao limiar da pobreza (645,33 €/mes) e cunha aplicación gradual en dúas fases: de xeito inmediato trala aprobación da Lei para todas as persoas que non teñan cobertura por desemprego e non dispoñan doutros ingresos, e tamén para aquelas cuxas rendas sexan inferiores á contía da Renda Básica; e nunha segunda fase, para o resto da cidadanía.
Porque temos dereito a vivir con dignidade: RENDA BÁSICA, XA!
Vigo, 4 de xullo de 2014
ODS-Coia – Parroquia Cristo da Victoria – Grupo Axitación Social

1.7.14

"Ni muts ni a la gàbia" (Nin mudas, nin na gaiola) en apoio ás represaliadas contra o Pla Caufec


Coa difusión deste vídeo  día 1 de xullo comezou a campaña  para esixir a libre absolución das nove veciñas e veciños de Esplugues de Llobregat (Barcelona) encausadas/os por loitar contra o Pla Caufec e defender a Serra de Collserola. Seis delas poderían entrar en prisión por oporse a un plan especulativo que pretende urbanizar 40 hectáreas do pé da serra de Collserola para construir pisos de luxo, rañaceos de 105 metros de altura ou o centro comercial máis grande do norte de Barcelona, destruíndo a súa vila e a propia serra.

Aquí podes seguir a campaña e colaborar co teu apoio.