border="0"

23.1.13

1ª Semana Galega pola Renda Básica das Iguais, do 25 ao 31 de xaneiro 2013

Xira de presentacións do estudo de viavilidade da Renda Básica das Iguais en Galiza
Movéndonos polo dereito a vivir dignamente, movéndonos pola RBis! Con este lema as xentes de Baladre e colectivos parceiros avanzamos a programación da 1ª Semana Galega pola Renda Básica das Iguais.

O pasado mes de decembro, co galo da presentación en Compostela do libro “Repartindo a nosa riqueza”, que expón os resultados do estudo de viabilidade da RBis en Galiza, as persoas que vimos dinamizando a proposta no noso territorio decidimos dar uns cantos pasiños máis.


De cara a xerar debate sobre a utilidade desta ferramenta a hora de dar resposta á precarización que afoga a cada vez máis persoas – segundo os últimos datos do IGE, ao remate do 2012, seis de cada dez fogares galegos recoñecían a enorme dificuldade que supón chegar a fin de mes-, e a gravísima situación de exclusión na que se atopan outras moitas, propuxémonos movernos polo dereito a unha vida con dignidade e igualdade.


Así, do 25 e 31 de xaneiro poñemos en marcha a 1ª Semana Galega pola Renda Básica, na cal terán lugar actividades en diferentes cidades e vilas do país. A espera de pechar os últimos detalles para a programación final, xa podemos dar conta das actividades que están confirmadas a día de hoxe:


Venres 25

20h00 - Centro social O Gorgullón (Rúa Curtidoira 3) - Organiza: Colectivo Encontro Benestar Social - PONTEVEDRA


Sábado 26

12h00 - Fórum Própolis (Rúa Barcelona 115 Soto) - A CORUÑA

16h30 - Obradoiro de RBis e xénero - Libraría Lila de Lilith - COMPOSTELA

17h00 - Centro social okupado autoxestionado XUNTAS (Rúa do Carmen 1, entrada por Baixada a igrexa 10) - VIGO


Domingo 27

19h00 - Núcleo Confederal CNT (Camiño do Castelo, 10) - Organizan: CNT e Ateneo Libertario - ALLARIZ


Luns 28

19h00 - Espazo Cultural Alternativo EsCuA - Organiza: Adiante - OURENSE


Martes 29

10h a 12h - Facultade Traballo Social - OURENSE

20h00 - Sala polivalente da casa do Dr. Dopeso - AS PONTES

20h00 - Salón de graos Facultade Ciencias Económicas - Organiza: Liga Estudantil Galega - COMPOSTELA


Mércores 30

19h30 - Salón de Actos da Facultade de Formación do Profesorado - Organizan: A Cova da Terra e Na Encrucillada - LUGO


Xoves 31

11h30 - Centro Cívico do Casco Vello (Rúa Oliva 12) - Organiza: grupo IMAN - VIGO

20h30 - Bou Eva (Rúa Terzo de Fóra 12) - VIGO


Durante esta semana de loita polos dereitos sociais, trataremos de achegar os fundamentos no que se asenta a proposta da Renda Básica das Iguais, tanto a viabilidade económica coma social da mesma, ao maior número de persoas e colectivos, especialmente aqueles que se atopan en situación de maior vulnerabilidade como é o caso das persoas sen fogar, afectadas polo VIH, familiares de persoas presas ou mocidade. Respecto a este último grupo, o desemprego e os paulatinos recortes nas bolsas e axudas ao estudo están a facer que a emigración volva a ser a única perspectiva de futuro para moitas mozas e mozos. A esta altura, xa son 70 o número de mozas e mozos galegos que cada día parten a buscarse a vida noutro lado, coa conseguinte sangría demográfica e social que supón tal exilio económico forzoso.


Tamén abordaremos a relación entre a RBis e as propostas do feminismo dirixidas a desprazar os mercados e situar a vida con dignidade no centro das preocupación e decisións do conxunto da sociedade. Isto será nun obradoiro que terá lugar na Libraría Lila de Lilith en Compostela, organizado por un grupo de formado a partir das Xornadas Ecofeministas celebradas nesa localidade no mes de decembro. Nesta actividade, acordopuse crear grupos en base a liñas de traballo futuras entre as cales se atopaba a Renda Básica das Iguais. O obxectivo final é promover un achegamento das activistas e grupos feministas do país a esta proposta, traballándoa e dinamizándoa nunha chave de xénero que incorpore ademais a idiosincrasia da realidade galega na súa proposta.

9.1.13

Proxeccións de Xaneiro no CSA "A Cova dos Ratos""

Todos ós mércores de xaneiro ás 20:30h. Proxectarase: 

MÉRCORES 9 ÁS 20:30h
“ON THE ROAD” (No camiño)
Francia, Reino Unido, Estados Unidos, ano 2012 Dirección: Walter Salles. Drama/Aventuras.

Adaptación da obra de Jack Kerouac, un auténtico referente para os seguidores da xeración 'beat'. Os seus protagonistas son Dean Moriarty e Sal Paradise (Garrett Hedlund e Sam Riley), dos rapaces que percorren os Estados Unidos do norte ao sur e de este a oeste a bordo dun vello automóvil, sen rumbo fixo nen obxectivos marcados. Unha verdadeira montaña rusa emocional na que tamén se implicará a fermosa Marylou (Kristen Stewart).  

MÉRCORES 16 ÁS 20:30h 
“LUCIO”
Estado español,2007 Dirección:Aitor Arregui, Jose María Goenaga. Documental.
 
Anarquistas houbo e segue habendo bastantes no mundo. Os que tiveron que cometer atracos ou introducirse no contrabando para a causa son numerosos. Os que  discutiron estratexias con El Ché ou axudaron a Eldridge Cleaver -o líder dos Panteiras Negras- son os menos. Os que unido a todo o anterior, conseguiran poñer contra as cordas ao banco máis poderoso do planeta mediante a falsificación masiva de cheques de viaxe, e sen faltar un só día ao seu traballo de albanel da construcción, só hai un. Lucio Urtubia, fillo de Cascante (Navarra). Lucio, hoxe en día, vive en Paris, retirado.

MÉRCORES 23 ÁS 20:30h
“E AGORA A ONDE IMOS?”
Exipto, Francia, Italia, Líbano, 2011, Dirección: Nadine Labaki. Comedia.
 
Co telón de fondo dun país desgarrado pola guerra, narra a determinación sen fisuras dun grupo de mulleres de todas as relixións para protexer as súas familias e ao seu pobo das ameazas exteriores. Demostrando un grande inxenio, inventando estrataxemas, unidas por unha amizade inquebrantábel, esas mulleres só teñen un obxectivo: distraer a atención dos homes e facer que olviden a súa carraxe e indiferencia. Ata onde estarán dispostas a chegar para non perder aos que todavía quedan?.

MÉRCORES 30 ÁS 20:30h
“INSUMIS@S” (Guerra á Guerra)

Documental da ETB do ano 2001, sobre a traxectoria do KEM/MOC de Bilbao, unha vez que acababa o servizo militar obrigatorio e comezaba o profesionalismo.
Organiza o Espazo Aberto Antimilitar, que aproveitará para analizar brevemente os Presupostos Militares para o ano 2013: Presuposto M. de Defensa: 6.913’65 mill. €.  GASTO MILITAR (real): 28.897’54 mill. de €.  De cada 10€ gastados 7’61€ están ocultos noutras partidas dos presupostos. Gasto por persóa: 614´8€. Gasto militar diario: 79’17millones de €. Débeda militar: 31.000 mill. €.

Marcha á Prisión de Teixeiro 12/01/2013



 Pois si, para os que xa pensabades que este ano non habería a xa tradicional marcha ao cárcere de Teixeiro, aquí tedes o cartaz para asegurarvos de que os bos costumes nunca se perden. Pode que un pouco tarde en comparación con outros anos pero os presos non quedarán sen a súa habitual porción de solidariedade natalicia.
Comunicada oportunamente ás autoridades (im)pertinentes para evitar as non menos tradicionais sancións, a marcha partirá o sábado 12 de xaneiro ás 12:30h da gasolineira pasado o polígono de Teixeiro (N634 Km663), para percorrer a pé a distancia que a separa do presidio e achegarlles aos reclusos os nosos máis sentidos berros solidarios.

Esa mesma tarde às 18,00 en Compostela haberá unha Manifestación que partirá da praza do Toral en Compostela baixo a lenda "Os ricos fanse máis ricos, mentras os pobres van presos". Neste enlace tedes acceso a un panfleto repartido polas ruas de Compos

De momento sabemos de duas saídas programadas para achegarse a Teixeiro:

Na Coruña as 10:00h na okupa C.S.O.A. Palavea (Rúa Río Quintas nº31, na N550 xunto a discoteca OH Coruña), para organizarnos entre os coches que teñamos e ir para Teixeiro.

En Compostela saida as 10:30' na parte de abaixo da estación de autobuses tambén co gallo de organizarse e repartirse entre os coches e sair para Teixeiro.

Construíndo alternativas fronte a exclusión social desde o barrio vigués de Coia


Unha compañeira que colabora en praza.com estivo falando a pasada semana na ODS-Coia e froito desa conversa publicou a seguinte reportaxe:
 
A Parroquia Cristo da Victoria, a Oficina de Dereitos Sociais de Coia e o Grupo de Axitación Social  traballan desde hai anos para facer posíbel a utopía dunha vida digna desde a realidade deste barrio vigués. No último mes convocaron unha cadea humana percorrendo Coia e unha concentración fronte ao Concello para manifestar “que estamos cansas de non chegar a fin de mes, de non poder pagar recibos, de que nos digan que non hai cartos, temos dereitos. Fixemos coincidir estas mobilizacións coa negociación dos orzamentos do concello de Vigo, porque cando se estaba a falar dos cartos das viguesas, tiñamos que demandar para que se invista máis nas persoas”, explica Diego Lores, da ODS de Coia. Conversamos con Lores para coñecer máis de perto a realidade deste traballo invisibilizado e en minúsculas destes colectivos sociais fronte á pobreza.

No último mes convocaron unha cadea humana percorrendo Coia e unha concentración fronte ao Concello para manifestar “que estamos cansas de non chegar a fin de mes, de non poder pagar recibos, de que nos digan que non hai cartos, temos dereitos"

Coia é un barrio obreiro, que naceu para acoller á xente que viña traballar á industria nos anos 60. Na actualidade é unha zona envellecida, e na que se viven novas situación de empobrecemento. Das 14.000 persoas desempregadas anotadas no antigo INEM de Coia só algo menos de 5.000 reciben algún subsidio, dunha poboación de 30.000 persoas empadroadas nesta zona. “En Coia sempre houbo coñecemento do que eran as dificultades para chegar a fin de mes, os problemas dos consumos de alcol e drogas nos oitenta, mais na actualidade se viven novas situacións de exclusión e empobrecemento”, sinala Lores.

Unha oficina para loitar contra a desigualdade

Das 14.000 persoas desempregadas anotadas no antigo INEM de Coia só algo menos de 5.000 reciben algún subsidio, dunha poboación de 30.000 persoas empadroadas nesta zona

Para ofrecer información alternativa sobre prestacións sociais (tipos de axudas, contías, requisitos, documentación, onde dirixirse) e para sumar forzas na loita contra a desigualdade e a precariedade, desde setembro de 2007 leva funcionando a oficina de Dereitos Sociais de Coia, nunha sala que lle cede a Parroquia do Cristo da Victoria, e tamén xestionan casos e ofrecen atención telefónica vía web e polo correo electrónico. Esta iniciativa xurdiu  á semellanza da primeira oficina de dereitos sociais no Estado Español, que naceu en Barakaldo, da man de Berri Otxoak a mediados dos noventa.

Nos últimos 18 meses, e nomeadamente no último semestre, as horas non lles chegan para atender as numerosas situacións de veciños e veciñas desbordadas polas novas circunstancias que lles obriga a vivir a crise: “o aumento de usuarias e usuarios está motivada pola nova pobreza, que é aquela xente que se viña apañando cos traballos, paros, subsidios ou prestacións, e comezan a ter problemas pola ausencia de todo isto. Teñen problemas de impagos, da luz, auga, aluguer, e chega un momento no que se volven ás casas de nais e país, e avoas e avós. Hai un reagrupamento das familias arredor das pensións das persoas maiores”.

Violencia cotiá e normalizada

“Agora están moi de actualidade os desafiuzamentos pero antes hai una historia moi violenta e normalizada que son os impagos de luz e auga ou comunidade. Un corte de luz significan 27 euros de re-enganche. Ficar sen luz e que esteas na casa, é dunha violencia terríbel para persoas con nenos, maiores, ou simplemente pola comida que se estraga sen neveira”, salienta Lores, quen critica que desde os servizos sociais non se atendan estas situacións de emerxencias tan graves e tan comúns.

As dificultades de relación con Fenosa

"Hai una historia moi violenta e normalizada que son os impagos de luz e auga ou comunidade. Un corte de luz significan 27 euros de re-enganche. Ficar sen luz"
Os cambios no modelo de empresa da eléctrica Fenosa tamén afecta a moitas das persoas usuarias desta oficina de dereitos sociais, que mudou de emprazamento e tamén no modo de abordar os impagos e no modelo de relación. Así, na actualidade, “cando vas á oficina re-negociar o pago dunha débeda só hai teleoperadoras e programas informáticos que falan e non deixan marxe de manobra. Antes había una persoa de referencia coa que negociabas o pago da débeda e un plan de pagos. Agora as persoas que están alí, diante dun ordenador non poden facer nada porque Unión Fenosa ten subcontratada una empresa, que é que coa que ti tes que falar. Antes había un mínimo de flexibilidade, e ademais nun contexto no que o recibo da luz non para de subir. As persoas que viven esta situación senten unha indefensión terríbel, cando falamos dunha necesidade básica; mesmo ameazan con quitarlle o suministro, que lles rescindían o contrato senón pagaban”, subliña Lores.

Acción social horizontal

Fronte á privatización e mercantilización dos servizos sociais, o asistencialismo e a caridade como receita do sistema fronte as situación de empobrecemento, desde este espazo de acción social horizontal composto pola Parroquia, a ODS e o GAS apostan pola solidariedade como alternativa. “A parroquia continúa botando unha man, nun plano de horizontalidade. Na parroquia todos os meses páganse recibos de luz, auga ou aluguer . Actúa como colchón, como unha veciña máis, tenta botar una man grazas as colectas e a unha mínima subvención que se recibe. A alternativa tamén é o troco e o intercambio segundo as necesidades que se comparten”.

Diego Lores explica o papel que xoga esta comunidade cristiá de base: “é un espazo desde a fe que sempre axudou e axuda a organizarse a veciñanza, a dar respostas  no barrio, e tamén para xuntarse con outros grupos. É un espazo que, sendo distinto, é moi complementario porque opta por xuntas dar resposta desde abaixo aos problemas que temos. Aquí vese o que é igrexa da xente en minúsculas, das persoas, que comparte  e busca respostas lúcidas a esta miseria que temos. E a parroquia sempre estivo moi aberta ao barrio e colabora con moita xente que non quere ter que ver coa relixión”.

Alternativas: Conciencia social e Renda Básica das iguais

Ademais da atención a través da oficina de dereitos sociais, da acción social a través da solidariedade e do troco, desde este espazo de mobilización optan por outras opcións para mudar a situación actual: “as alternativas pasan por esixir os nosos dereitos, mudar o paso de todo está mal e non podemos facer nada, ao feito de termos aos nosos veciños e veciñas que nos poden botar una man e xuntos podemos ter o gusto de que nos vexan e sinalar aos responsábeis. É importante que nos vexamos con algo máis de dignidade. Os que están presentes nos distintos poderes son os responsábeis, e manifestar isto é sanador e liberador, liberarnos da culpabilidade da situación na que vivimos e mobilizarnos”. Desde a ODS de Coia tamén apostan por dar a coñecer a posibilidade de novos dereitos, como é a instauración da renda básica das iguais no noso país.