28/03/09

Acto contra a OTAN en Vigo o sabado 4 de abril (04-04-09)

.




Acto de rúa anti-OTAN, e presentación da campaña de: Obxección Fiscal 2009


Co lema "Plantémoslle cara ás guerras, plantémoslle cara á OTAN" o Espazo Aberto Antimilitar convoca un acto de rúa anti-OTAN co fin de presentar a campaña de Obxección Fiscal 2009.

Este ano a campaña aproveita o 60 aniversario da OTAN para poñer en evidencia as súas actuacións nestes anos.

O acto de rúa será o sábado 4 de abril ás 18.30 no cruce de Colón coa rúa do Príncipe.








A guerra non se fai para gañala, faise para que sexa continua. O acto esencial da guerra moderna é a destrución dos produtos do traballo. A sociedade xerárquica só é posíbel baseándose na pobreza e na ignorancia. Por principio o esforzo bélico planifícase para manter á sociedade ao borde da inanición. A guerra faina o grupo dirixente contra os seus propios súbditos e o seu obxecto non é a vitoria sobre Eurasia ou Estasia, senón manter intacta a mesma estrutura da sociedade

Fragmento de “1984”


Co gallo do 60 aniversario da organización militar que leva por nome OTAN queremos manifestar:

Desde a fin da chamada Guerra Fría, dito organismo reinventouse a si mesmo como unha ferramenta para a acción militar da intitulada “comunidade internacional”. Porén, trátase dun medio de natureza exclusivamente militar co obxecto de arbitrar medidas excepcionais en caso de conflito armado. A OTAN foi ideada polos Estados Unidos de Norteamérica para un fin moi concreto –a guerra- e conta con bases militares por todos os continentes, ninguneando o control da ONU e mesmo do dereito internacional, acelerando a militarización da sociedade e incrementando o gasto en armamento dos respectivos gobernos aliados. Aspecto a ser tido moi en conta xa que os países da OTAN representan o 75% dos gastos militares a escala planetaria.

En Europa a OTAN está agravando tensións que se crían superadas, alimentando a carreira armamentística con toda clase de útiles de combate, un enorme arsenal nuclear e unha industria militar en constante evolución. Non é un secreto para ninguén que as políticas da UE están cada vez máis vencelladas ás necesidades da propia OTAN. A potencial expansión da Alianza Atlántica a Europa oriental e incluso alén ou as coñecidas como operacións “fóra de área”, están a facer do mundo un lugar inhóspito. Cada avance da OTAN en materia de coalicións aumenta o risco de guerra, incluído o perigo dunha confrontación nuclear.

Polo que respecta ao Estado español, dende a súa incorporación á OTAN mediante a farsa dunha consulta popular no ano 1986, áchase supeditado aos intereses xeoestratéxicos da Alianza, eludindo calquera tipo de responsabilidade -individual ou colectiva-, ben sexa no despregue de tropas alí onde se precisen: Afganistán, Kosova (da que fuxen agora tardiamente, tan só para trasladar esas tropas a outros destinos como Afganistán), Líbano, Forzas de Resposta da OTAN, ben facilitando recursos loxísticos (espazo aéreo, subministros), ben coa venda de armas a países en conflito (Israel) ou opresores dos seus propios pobos (Marrocos, Arabia Saudí, Colombia, Turquía). Todo isto baixo o pretexto da seguridade internacional e o reforzamento dunha falsa idea de democracia.

Para mellor acadar o noso obxectivo, en tanto que Espazo Aberto Antimilitar, rexeitamos as fórmulas militares á proliferación de crises territoriais, entendendo que estas son parte do problema non parte da solución. Negámonos a vivir baixo o terror permanente da ameaza nuclear e dunha outra carreira de armamento. Temos a obriga de eliminar os gastos militares, empregando tales recursos a satisfacer as necesidades humanas máis básicas. Pularemos por pechar todas as bases e estruturas militares que dan cobertura a intervencións de carácter bélico. Aliás, debemos desmilitarizar as relacións entre pobos para así establecer novas formas de convivenza baseadas na solidariedade e apoio mutuo.

Espazo Aberto Antimilitar

http://nonaogastomilitar.org



Crónica do acto:


O pasado sábado 4 de abril, xuntámonos unha vintena de persoas convocadas polo Espazo Aberto Antimilitar no cruce de Príncipe con Colón, comezamos ás seis da tarde e estivemos alí ata as oito.

Durante o acto repartimos trescentos panfletos sobre o aniversario da OTAN e outros trescentos sobre os Gastos Militares para o 2010 e a Obxección Fiscal aos mesmos.

Para chamar a atención da xente, montamos un xogo da Oca Militarista da Historia da OTAN, “de OTAN a OTAN e bombardeo porque me interesa...” O xogamos dúas veces con dúas belixerantes concursantes en cada ocasión, as casillas correspondían a feitos históricos desa organización que daba lugar a gañar ou perder puntos de guerra ou puntos de morte. Para descansar entre xogo e xogo tamén montamos o quebracabezas sobre as equivalencias do gasto en armas respecto a gastos civiles, “1 portaavións corresponde a 50 hospitais ou 500 escolas”, etc.

O acto foi entretido e a xente da rúa parouse bastante a ler sobre os feitos destacados da OTAN e a interesrse polos Gastos Militares no Estado Español.

Máis fotos do acto: http://galiza.indymedia.org/gz/2009/04/19243.shtml

Panfleto Obxección Fiscal 2009: http://galiza.indymedia.org/2009/04//19250.jpg


CRONOLOXÍA DA OTAN

1949: Crease a OTAN (Organización do Tratado do Atlántico Norte).
1950: Plan de Defensa Integrada da área do Atlántico Norte, destinando á mesma axuda militar por valor de 900 millóns de dólares.
1951: Ingresan Grecia e Turquía.
1953: Creación do programa de infraestructuras co fin de proporcionar aos países membros da Alianza aquelas infraestruturas e equipos destinados ao uso común e cuxo financiamento debe ser afrontado con recursos da Alianza.
1955: 6 de maio. Ingreso da República Federal Alemana.
1955: 16 de decembro. A alianza decide dotarse de armas atómicas.
1961: Creación dunha Forza Mobil de Intervención.
1966: Francia sae da OTAN.
1967: Adopción do concepto estratéxico de "resposta flexible" e creación da Forza Naval Permanente do Atlántico.
1969: Operación Gladio: “Masacre da Piazza Fontana” deixa 17 mortos en Italia.
1979: “Doble Decisión” supon o despliegue en Europa dos sistemas de misiles de alcance medio.
1980: Operación Gladio “Masacre de Bolonia” deixa 85 mortos en Italia.
1982: Ingreso do Estado Español.
1987: “Opción doble-cero” pola que se eliminan de terra os misís de alcance medio estadounidenses e soviéticos.
1990: A OTAN xunto co Pacto de Varsovia acordan reducir tropas en Europa.
1994: Aprobase o Programa de Inversions de Seguridade da OTAN.
1995: Cen avións participan en Bosnia na maior acción bélica da OTAN.
1999: 12 de marzo. Adhesión de Polonia e da República Checa.
1999: 5 de abril. Diferentes accions en Iuogoslavia co resultado de varias mortes de civís.
1999: 10 de xuño. Fin de bombardeos. A alianza admite deixar máis de 10.000 mortos e feridos.
2002: Aprobada unha Forza de Resposta Rápida capaz de intervir en calquer parte do mundo.
2004: 29 de marzo. Eslovenia, Eslovaquia, Rumanía, Bulgaria, Estonia, Letonia e Lituania ingresan na OTAN.
2005: A OTAN implicase en Iraq mediante o adestramento das tropas iraquíes.
2006: 2 de septembro. Comezo da “Operación Medusa” en Afganistán.
2006: Preto de 1.000 mortes de civís polas forzas da OTAN e dos EEUU.
2007: Entre 1.010 e 1.297 mortes de civís polas forzas da OTAN e dos EEUU.
2008: 3 de marzo A OTAN respalda o proxecto estadounidense de instalar en Europa do Leste un radar e interceptadores para un escudo de defensa antimisiles balísticos.
2008: Preto de 1.000 mortes de civís polas forzas da OTAN e dos EEUU.
2009: 60 aniversario da organización militarista.

.

16/03/09

Xornadas Anarquistas en Vigo (Marzo)

.
Domingo 15: Pase de vídeo inédito acerca da realidade en grecia tras os disturbios de decembro do 2008

Mercores 18: Charla a cargo duns compañeiros gregos acerca da situación antes e despois da revolta de decembro de 2008.

Sábado 21: Charla sobre a situación da loita contra o T.A.V en Euskal Herria. A cargo dun militante contra a alta velocidade vasca.

Venres 27: (21.30) Pase de vídeo inédito acerca da realidade nas prisións chilenas.

Sábado 28: Charla "Emboscada en pasaia. Un crime de estado". A cargo de Joseba Merino, único supervivinte a estes feitos nos que a policia española asasinou a 5 membros dos Comandos Autónomos Anticapitalistas.

TODOS OS ACTOS SERÁN NO CENTRO SOCIAL O GUINDASTRE A PARTIR DAS 20.00 (rúa xulián estevez 22, Teis)

Para ampliar información so tendes que enviar un mail ao correo do centro: csaformiga@yahoo.es

Programa das xornadas en Compostela e Coruña: http://galiza.indymedia.org/gz/2009/03/18957.shtml
.

15/03/09

Os puntos negros da crise en Vigo


O pasado xoves 12 de marzo pola tarde, unha decena de activistas de Amarante, Caleidoskopio, o Grupo de Axitación Social (GAS) e Verdegaia, denunciaron públicamente en Vigo, algúns dos axentes responsabeis da crise económica, social e ambiental que sufrimos, seguindo a campaña estatal difundida na web: www.lospuntosnegros.org.

A proposta consiste en asinalar e denunciar algunhas das persoas, institucións, mecanismos, etc. directamente implicados na xeración da crise na que nos atopamos, así como a xestión, baixo parámetros neoliberais, que se está dando a esta situación.

A acción consiste en marcar cun “punto negro” estes espazos ou institucións. Os puntos negros fotografaranse e presentarense na web.

Os colectivos impulsores animan a calquera persoa e organización a denunciar os seus “puntos negros” e subilos á web da campaña, enviando as fotos a este correo: crisis@lospuntosnegros.org

Ao mesmo tempo a idea é sinalar tamén con puntos verdes, iniciativas posiyivas fronte a crise.

Durante a acción a maioría ían con monos brancos e carautas facendo un acto silencioso, que chamou bastante a atención ás transeuntes, ás que se lles repartiu o seguinte texto:

Os Puntos Negros da Crise

A Banca (na que por suposto incluimos ás Caixas coa súa dubidosa e interesada “función social”) son un dos principais culpabeis da crise, así como a grande beneficiaria do anterior crecemento ecnómico. Durante eses anos de ladrillazo e movemento incontrolábel de capitais, batiron ano tras ano os seus records de beneficios; daquela foron promotores, impulsores e inversores na grande burbulla da especulación inmobiliaria e financeira, que arrasou a base de urbanizacións boa parte da costa galega.

Pero estes records non se xestaron soamente aquí, mentres a UE tenta vendernos a imaxe dunha globalización máis humana, a “nosa” banca liderou o desembarco das grandes transnacionais españolas en Latinoamérica (Repsol, Telefónica, Iberdrola, etc), coa única finalidade de esquilmar os seus recursos naturais e desmantelar os seus servizos públicos. Para isto non dubidou en untar con millóns do potente euro os petos de canto político corrupto se cruzou, facilitou a fuga dos capitais das maiores fortunas arxentinas cando a crise do “corralito”, ou induciu crimes contra os pobos indíxenas para botalos de terras afectadas polos seus proxectos enerxéticos.

A banca acumulou riqueza sen pararse en cuestións morais e de dereitos humanos, protexida polos sucesivos gobernos. Pero desde logo esa riqueza conseguida de forma inxusta non se repartiu de forma xusta, nin revertiu en melloras sociais para todas. Pola contra, neste anos de bonanza a pobreza non deixou de crecer, as coberturas sociais se recortaron e se endureceron as condicións para acceder a elas, os nosos servizos públicos tamén se privatizaron en boa parte...

Pero cando os seus créditos basura, o castelo de naipes da economía baseada en mentiras, comezou a tambalearse, e antes de que a xente de a pe nos enterasemos do que pasaba, a banca xa recibia do goberno 150.000 millóns de euros. Ademais das débedas que lle perdoaban, a UE apresurábase a flexibilizar as leis da competencia para permitir esas intervencións, contrarias á súa amada lei de libre mercado. Todos estes intentos desesperados para que a economía da especulación siga como ata ese momento.??

No entanto, a crise financeira tradúcese para nós na realidade do peche de centos de pequenos negocios, a autorización por parte do governo de ERE´s sen control, restructuracións sectoriais encubertas que estan a deixar na rúa a milleiros de persoas, e un retroceso brutal en conquistas sociais e laborais.

A nivel estatal achegámonos aos catro millóns de persoas paradas, un millón sen dereito a paro, e centos de miles de familias sen nengún membro cobrando nengún tipo de remuneración ou subsidio.

Pero a Banca e as Caixas non deixan de falar, de predecir peores datos, máis paro, máis pobreza, e atrévense a pedirlle ao goberno novas reformas fiscais e laborais para quedarse con todo o roubado e que nós sigamos pagando as consecuencias. Piden que as empresas paguen menos impostos, abaratar o despido, subir o IVE, subir o IRPF das persoas salariadas...

Por todo isto a Banca ademais de criminal e antisocial, é un grande Punto Negro da Crise (culpábel e beneficiario da mesma), aínda que non é o único (gobernos, promotores inmobiliarios, Empresas Transnacionais, Grandes Cadeas de Distribución, etc) conforman un mapa de Puntos Negros na nosa economía e nas nosas cidades.

http://lospuntosnegros.org

Máis imaxes do acto: http://galiza.indymedia.org/gz/2009/03/18989.shtml

04/03/09

Xornadas en Vigo: o modelo de Transporte Actual na Crise Global


Trala primeira charla feita o sábado 28 de febreiro na Cova, sobre as razóns polas que estamos contra a construcción do TAV, e que correu a cargo de compañeiras do GAS de Vigo e da Asemblea Anti-TAV de Euskal Herría, nas seguintes semanas continuaremos con este programa:

Sábado 07/03/09 no Centro Cívico de Teis, Camiño Maceiras,2 ás 19h.

MUDANZA CLIMÁTICA E CRISE DO PETROLEO
Os Poñentes serán Verdegaia e Véspera de Nada.

Venres 13/03/09 no Centro Cívico de Teis, Camiño Maceiras,2 ás 19h.

TRANSPORTE PRIVADO POR ESTRADA
Plan Estratéxico de Infraestructuras e Transporte (PEIT) e Plano Vigo Íntegra.
Os Poñentes serán Ecoloxistas en Acción e A Ría Non Se Vende.

Sábado 14/03/09 Local Cristo da Victoria, Rúa Baiona,9b ás 19h.

Mesa Redonda "A FALACIA DO CRECEMENTO SUSTENTÁBEL FRONTE AO DECRECEMENTO"

CRISE FINANCEIRA (Medidas de rescate da banca/multinacionais)
Verdegaia

ALTERNATIVAS Á CRISE DO CAPITALISMO
Centre Delás de Catalunya

SITUACIÓN LABORAL NO SECTOR DA AUTOMOCIÓN
Representante Laboral

A TEORÍA DO DECRECEMENTO
Salvemos Monteferro

Modera: Montse Centelles

Organiza: A Ría Non Se Vende

http://arianonsevende.nireblog.com/

.